Pontevedra na rede das Cidades das nenas e dos nenos

103

O proxecto "A cidade das nenas e dos nenos" naceu en Fano (Italia), en maio do ano1991 co obxectivo de traballar cara a unha nova filosofía de goberno da cidade, tomando aos nenos como parámetro e como garantía das necesidades de todos os cidadáns, de xeito que as políticas destinadas á infancia non se centren unicamente en aumentar os recursos e servizos, senón que ten o obxectivo máis amplo de construír unha cidade diversa e mellor para todos, de maneira que os nenos poidan vivir unha experiencia como cidadáns, autónomos e participativos.
Deste xeito, o proxecto  "A cidade das nenas e dos nenos" considera que a degradación das cidades está provocada, en gran parte, pola decisión de privilexiar as necesidades dos cidadáns adultos, homes e traballadores como prioridad económica e administrativa, o que se demóstrase debido á importancia que o coche adquiriu na nosa sociedade, condicionando as decisións estructurais e funcionais da cidade, creando graves dificultades para a saúde e a seguridade de todos os cidadáns, especialmente aos máis fables e aos máis pequenos.
Partindo desas premisas, dende os primeiros anos da década dos noventa, o concello de Fano invitou aos alcaldes das cidades italianas interesados en adherirse ao proxecto, promovendo iniciativas que implicaron a centenares de cidades e escolas e organizando encontros internacionais para nenos, educadores e Administracións Públicas. Na actualidade, Roma asumiu o papel de cidade líder da Rede internacional, á que están adheridas numerosas cidades de todo o mundo.
Pontevedra, considerada Cidade Amiga da Infancia, aposta por convertirse nunha cidade na que as nenas e os nenos poidan medrar en espazos sans, integradores e amábeis, na que as políticas de apoio á infancia estean presentes en todos os ámbitos da xestión pública, desde a accesibilidade á mobilidade infantil, pasando pola educacion viaria, as programacións cultural, festiva e deportiva, as políticas de benestar e o apoio á educación, entre outros.
Por outra banda, o Concello organizou recentemente as II Xornadas de estudo e experiencias “Infancia e Cidade”, coa colaboración do CENEAM (Centro nacional de educación ambiental, do Ministerio de Medio Ambiente), nas que participou o prestixioso pedagogo italiano Francesco Tonucci, promotor do proxecto da Rede, e que propuxo ao Concello de Pontevedra a súa adhesión formal como “Cidade dos nenos e das nenas”, á vista de que esta vila ten implantado un modelo de mobilidade sostible a prol da infancia e que comparte os obxectivos da nomeada Rede internacional.
A disposición adicional quinta da Lei 7/1985, establece que as entidades locais poden constituír asociacións, de ámbito estatal e autonómico, para a protección e promoción dos seus intereses comúns. Do mesmo xeito, a Carta Europea de Autonomía Local, do 15 de outubro de 1985, dispón no seu artigo 10 que as Entidades locais teñen o dereito, no exercicio das súas competencias, de cooperar e, no ámbito da Lei, asociarse con outras Entidades locais para a realización de tarefas de interese común, así como a cooperar, nas condicións eventualmente previstas na Lei, coas entidades doutros Estados.
Por outra banda, a Lei 7/1985 de bases do réxime local (en adiante LBRL), no seu artigo 25, e a Lei 5/1997 da Administración Local de Galicia (LALG), no seu artigo 80, dispoñen que o municipio, para a xestión dos seus intereses e no ámbito das súas competencias, pode promover toda clase de actividades e prestar cantos servizos públicos contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade veciñal, exercendo en todo caso competencias, nos termos da lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas, en materia de seguridade, ordenación do tráfico de vehículos e persoas nas vías urbanas, protección do medio ambiente e transporte público.
De acordo co anterior,  no exercicio das miñas atribucións, proponse ao Pleno do Concello a adopción do seguinte ACORDO:
Primeiro: Autorizar a adhesión do Concello de Pontevedra á iniciativa denominada Rede Internacional "A cidade das nenas e dos nenos".
Segundo: O presente acordo non supón compromiso de aportación ou obriga de carácter económico para o Concello, sen prexuízo de que de chegar a instarse, podería ser aprobado mediante pronunciamento expreso previo, no que se concretarían as cuantías e condicións.
Do mesmo modo, implica o apoio e colaboración institucional nas iniciativas desenvolvidas na procura dos principios contidos no proxecto referido, mais outro tipo de actuacións de carácter sustantivo, que tamén poderían ser concluídas, requirirían da súa previa aprobación por este Concello,unha vez examinadas en concreto.
Segundo: Designar ao Sr. Alcalde, don Miguel Anxo Fernández Lores, como representante do Concello de Pontevedra ante a Rede  "A cidade das nenas e dos nenos". O Alcalde poderá delegar esta facultade nos termos previstos na lexislación de réxime local.
Pontevedra, 13 de novembro de 2013
O Alcalde,

Miguel Anxo Fernández Lores