Pontevedra, protagonista no inicio do congreso Cidades que camiñan

66

Pontevedra foi novamente un dos referentes urbanos máis citados nas primeiras ponencias que se escoitan no congreso Cidades que camiñan, que se celebra en La Rinconada, unha poboación a escasos 10 km de Sevilla.  
Aínda que o xefe da policía Local pontevedresa presentará o modelo de cidade ás 16 h e o alcalde tomará o testemuño da organización do seguinte congreso pasadas as 19, a cidade estivo presente no repaso histórico que o xeógrafo Alfonso Sanz realizou da historia peonil das cidades europeas.  
Sanz, despois de repasar os primeiros exemplos peonís europeos dos anos 60 e de insistir na importancia de que os responsables municipais aborden cambios urbanos que poñan ao peón no centro da mobilidade, citou a Pontevedra como exemplo de transformación e de avanzadilla das cidades 30 no Estado español, ao ser o primeiro exemplo global deste tipo de núcleos co tráfico calmado.  
Tamén citou o Metrominuto como exemplo de boa práctica para a promoción da mobilidade peonil, a preguntas de un dos case 200 participantes que toman parte na Xornada.