Lores, presidente de honra de Ciudades que caminan

74

O alcalde de Pontevedra foi nomeado hoxe pola Asamblea Xeral das Cidades
que Camiñan presidente de honra durante un ano desta entidade que engloba
máis de medio cento de poboacións de España e Portugal. Foi no marco do
congreso sobre mobilidade peonil que se celebrou na localidade sevillana de
La Rinconada.


O alcalde recolleu das autoridades locais deste municipio a testemuña da
organización do segundo congreso, que terá lugar na capital lerezana o
vindeiro ano, e ao que se prevé que acodan máis participantes que este ano,
que se cifrou en 200. O alcalde recibiu a noticia como un recoñecemento á
transformación de Pontevedra nunha cidade amable e de alta calidade peonil.

Lores agradeceu á Asamblea Xeral que se elixise Pontevedra como sede do
próximo congreso, e garantizoulles que lles agardaba unha experiencia
interesante, tanto por coñecer a cidade, como por que se convertirá nun
foro de contraste de experiencias das que todos temos moito que aprender,
xa que todos nos podemos axudar uns a outros a conseguir que as cidades
sexan eses espazos de calidade donde todos queremos vivir, e non lugares
agresivos e ameazantes para a seguridade das persoas.


Mostrouse así mesmo convencido de que no futuro todas as cidades irán
convertíndose en espazos de convivencia que se xestionen baixo as liñas
marcadas polo Congreso, que coinciden cos criterios aplicados na reforma
urbana de Pontevedra e no seu modelo de cidade.

Previamente, o director do Congreso leu a acta do xurado dos Premios
Cidades que Camiñan (convocatoria á que non se presentou Pontevedra), que
recaeron nas cidades de Irún (Gipúzkoa) e Torrelodones (Madrid), ambas por
interesantes execucións relacionadas co espazo público e o fomento peonil.


Na clausura do Congreso leuse solemnemente a Carta dos Peóns, aprobada polo
Parlamento Europeo en 1988, e que vai definindo os puntos básicos que
definen o modelo peonil da nosa cidade: entornos sanos, máis espazos
públicos, antes as persoas que os automóbiles, accesibilidade universal
pensando nos nenos, os maiores e as persoas con problemas de mobilidade,
espazos exclusivamente peonis con importancia na estrutura da cidade, entre
outras proclamas.

Intervención de Daniel Macenlle


A primeira hora da tarde foi cando o xefe da Policía Local de Pontevedra se
dirixiu aos presentes —entre os que se atopaban numerosos membros doutras
policías do Estado, expoñendo os aspectos básicos do modelo pontevedrés,
que recollen un por un todas as demandas do gran número de organizacións
non gobernamentais que forman parte da Rede, as relacionadas coa defensa
dos peóns, camiños escolares, bicis, etc.

Todas as preguntas xeneradas no debate dirixíronse a Macenlle, e estiveron
relacionadas tanto co modelo de aparcamentos en superficie (de servizos e
carga e descarga), como coa receptividade que este tipo de inciiativas
teñen entre os políticos locais. No primeiro caso, respondeu que o control
do tempo de estacionamento realízase manualmente polos axentes locais, se
ben existe o proxecto de mecanizalo cunha cámara móbil que axude a
mecanizar os datos e garantice un mellor uso do espazo por toda a cidadanía.


En relación á receptividade política, Macenlle explicou que o goberno
municipal era precisamente o que impulsaba esas medidas, e exercía un
auténtico liderazgo na coordenación dos técnicos que dependen das distintas
áreas de traballo municipal, e que a transformación de Pontevedra nunha
cidade amábel estaba impulsada precisamente polo equipo de decisión
política, en contraste coa maioría dos lugares, donde son as entidades
sociais ou mesmo os técnicos sensibles a estas medidas os que lideran e
reclaman estas iniciativas.