Pontevedra acolle este sábado o SERTRI e o Cidade de Pontevedra-Campionato de Galicia de Triatlón

63

Este sábado, día 28, será o día do triatlón, un dos deportes con maior asentamento popular en Pontevedra. A tripla especialidade celebrará senllas competicións en horario de mañá e tarde. Pola mañá será a quenda dos atletas populares e, pola tarde, dos federados.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, presentou hoxe a dobre cita nunha rolda de prensa na que estivo acompañado do presidente da Federación Galega, Francisco Villanueva; do representante do club Galaico Triatlón, Iván Castro, e do director de Radio Pontevedra, Jorge Hermida.
En total participarán máis de 600 deportistas, dos que preto dun cento estarán no trofeo Cidade de Pontevedra (que este ano acada grao de Campionato de Galicia e, por tanto, está reservado a federados) e 530 no evento popular SERTRI, que patrocinan a cadea SER e a Federación Española.
Agustín Fernández destacou que trátase de cifras sorprendentes e por enriba das expectativas. Engadiu que Pontevedra é a capital do triatlón galego, ou mesmo español, e cualificou como un orgullo que se teña pensado na nosa cidade para o Campionato Galego. Ao tempo, destacou a importante participación feminina nos eventos do sábado, por enriba do 20%.
Francisco Villanueva subliñou que o triatlón segue en auxe e as cifras de inscricións non paran de crecer. Considerou un acerto que o SERTRI teña incluído distintas distancias, achegando o reto do triatlón a xente que empeza. Non obstante, indicou, o importante é que estas persoas sigan practicando deporte.
Jorge Hermida revelou que o SERTRI ten pasado xa por once cidades españolas e Pontevedra pecha a serie. A inscrición péchase mañá, pero coas cifras actuais xa está por enriba da media doutras cidades. O evento ofrece probas ao alcance de case todos os públicos, dado que as categorías comezan aos tres anos e as distancias varían.
Os horarios dos dous eventos son os seguintes:
SERTRI (inscricións e información en www.triatlon.cadenaser.com)
11:00 Flash
11:30 Kids
12:30 Supersprint Feminino.
12:35 Supersprint Paratri.
12:35 Supersprint Relevo.
12:40 Supersprint Masculino.
15:00 Sprint.

CAMPIONATO GALEGO TRIATLÓN CIDADE DE PONTEVEDRA
17:00 Triatlón Feminino (Sprint)
18:10 Triatlón Masculino (sprint)
*19:30 Previsión Remate da proba.