Pontevedra acolle aos mellores tenistas junior cunha nova edición do torneo ITF

74

O Concello de Pontevedra volve colaborar co torneo internacional de tenis junior ITF que organiza o Casino Mercantil e Industrial. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asinou hoxe o convenio co presidente da entidade recreativa, Roberto Vega. Estivo presente o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández.

A institución municipal achega 12.000 euros para a celebración dun torneo que xa se converteu nunha referencia despois do seu nacemento hai só dous anos. Agárdase a participación de 120 deportistas e hai unha listaxe de espera que supera aos 300 inscritos, dado que o ITF de Pontevedra será o único torneo destas características que se celebrará nestas datas en Europa.

Os participantes chegan dende distintas partes do mundo e arrastran con eles a un bo número de acompañantes, entre familia e adestradores.

A cita é entre o 15 e o 20 de outubro próximos no parque deportivo do Casino Mercantil e Industrial. Habilitaranse catro pistas que están en perfectas condicións despois do seu acondicionamento. Só en caso de choiva botarase man das pistas cubertas.

Fernández Lores animou aos pontevedreses a acudir a presenciar os partidos e, paralelamente, a coñecer as magníficas instalacións do Mercantil, que xa teñen acollido eventos deportivos do máximo nivel.

Agustín Fernández destacou o empuxe do tenis na cidade de Pontevedra. Revelou que este deporte foi o primeiro en esgotar as prazas existentes nas Escolas Deportivas Municipais e “culpou” disto ao traballo dos clubs, especialmente do Mercantil. Falou tamén do dinamismo socioeconómico que a celebración dun torneo destas características supón en temporada hoteleira baixa.