As Escolas Deportivas Municipais contarán este ano con máis prazas e un total de 50 posibilidades

61

As Escolas Deportivas Municipais botarán a andar o próximo 1 de outubro para dar cobertura ao deporte base de Pontevedra. O operativo da Concellería de Deportes foi presentado hoxe polo concelleiro, Agustín Fernández, quen destacou a aposta por esta fórmula, que combina a formación dos máis novos co apoio aos clubs da cidade.
Durante esta temporada 2013-2014 funcionarán un total de 50 escolas (tendo en conta todos os horarios e especialidades) para acoller un máximo de 1.895 rapaces e rapazas.
O crecemento con respecto ao curso pasado é de case un centenar de prazas. Con elas se reforzan, principalmente, as escolas municipais de tenis, atletismo e xadrez e, en menor medida, as doutras especialidades.
As Escolas Deportivas Municipais están dirixidas a nenos/as de entre 4 e 14 anos. As persoas interesadas poden matricular aos seus fillos a partir do próximo luns, día 16, ata o remate deste mes de setembro, en horario de 9 a 13 horas e de 16.30 a 19.00 horas, no servizo de Portería do Pavillón Municipal dos Deportes.
O custo da matrícula é de 45 euros, algo que se consegue grazas á subvención de 50 euros por praza que outorga a Concellería de Deportes, que, ademais, cede as instalacións municipais para o desenvolvemento das escolas.
O concelleiro de Deportes subliña que o importante tecido deportivo de Pontevedra posibilita que se oferten escolas en case unha vintena de especialidades, a cargo de 27 clubs. Entre entre as especialidades figuran o atletismo, baloncesto, voleibol, judo, balonmán, marcha atlética, triatlón, fútbol, loitas olímpicas, ximnasia, ximnasia rítmica, trampolín, educación física de base, fútbol sala, fútbol 8, rugby, tenis, tenis de mesa e xadrez.
Por outra banda, destaca que a Concellería de Deportes complementa esta ampla programación de Escolas Deportivas cos cursos de iniciación e perfeccionamento de natación que se imparten na piscina municipal de Campolongo, unha actividade que moita xente non sabe que está organizada directamente polo Concello.
Agustín Fernández subliña que o que máis interesa con este programa é apuntalar o deporte de base, axudando á formación dos deportistas que, no futuro, pasarán a integrar os planteis do amplo elenco de clubs existente na cidade. Ao tempo, preténdese que os rapaces que se inician dispoñan dunha oferta suficientemente ampla para poder elixir e canalizar as súas aspiracións.