Pontevedra participa dende o mércores en Walk21 en Múnic

72

Pontevedra participará nesta semana na XIV Conferencia internacional sobre comunidades camiñables e habitabeis que se celebra na cidade de Múnic. A representación pontevedresa estará formada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e polo enxeñeiro municipal, Jesús Gómez Viñas. Ambos participarán en sendas conferencias e coloquios para expoñer o modelo de cidade de Pontevedra, xunto a outras experiencias mundiais.
Walk21 é a conferencia máis importante do mundo sobre camiñar e espazos públicos. Comezou a súa vida no ano 2000 para promover o desenvolvemento das cidades saudábeis, sostibles e eficientes nas que a xente elixe camiñar como medio básico de transporte. No ano 2000 celebrouse na cidade de Londres, e sucedéronlle Barcelona, Copenhague, Zurich, Melbourne, Nova York, Vancouver ou Cidade de México.
Está prevista unha asistencia duns 600 expertos da administración pública, políticos, consultores, e institutos de investigación, así como organizacións non gubernamentais e activistas de todo o mundo para discutir enfoques innovadores, para resolver problemas e proporcionar estímulos importantes para a calidade de vida e a sostenibilidade das cidades.
Walk21 comeza o mércores, 11 de setembro e rematará o vernes, 13 de setembro. A representación pontevedresa estará presente nas distintas xornadas da Conferencia internacional, escollendo aqueles temas que poidan resultar máis importantes para o modelo de Pontevedra.
O protagonismo de Pontevedra na conferencia está previsto para a última xornada cando Miguel Anxo Fernández Lores participe nun panel de políticos moderados por Jim Walker, fundador e director de Walk21. O alcalde de Pontevedra estará acompañado do alcalde de Múnic, Hep Monatzeder; do director de Planificación urbana, desenvolvemento e transporte da cidade de Sydney, Graham Jahn; o asesor do alcalde da cidade de Cracovia, Wieslaw Starowicz; e o tenente de alcalde da cidade albanesa de Shkodra, Ahmet Omi.
A participación do alcalde será ás 09.30 horas nunha mesa aberta á que asistirán arredor de 500 persoas que poderán plantexarlles as preguntas que consideren pertinentes sobre Pontevedra, a súa xestión e o seu modelo de cidade. Non será unha sesión paralela (a maior parte das conferencias de Walk21 son conferencias simultáneas), polo que será un dos focos de atención da xornada na sede principal de Walk21.
Ás 11.30 horas está prevista a conferencia do enxeñeiro municipal, Jesús Gómez Viñas que exporá na mesa Bringing smaller cities on to their feet, a ponencia “Pontevedra, a city focused on pedestrians”. Nesta sesión tamén se exporán experiencias de Alemania e tamén da cidade de Shkodra.

Para máis información www.walk21munich.com
 

Ver documento PDF