O curso escolar bota a andar en Pontevedra con case 5.500 rapaces escolarizados en Infantil e Primaria

62

O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, elixiu hoxe os colexios Álvarez Limeses e Marcón para o acto de inauguración do curso escolar en Pontevedra, que bota a andar con case 5.500 nenos e nenas matriculados nos 21 colexios públicos do municipio.
Fernández, que tradicionalmente visita un colexio do ámbito urbano e outro do rural, destacou a total normalidade coa que dá comezo o curso escolar no que atinxe ás obras de mantemento que son responsabilidade do Concello. O edil destacou que os traballos necesarios foron realizados ao longo de todo o ano, polo que non houbo necesidade de apurar prazos no verán. Agás pequenas actuacións, totalmente compatibles coa actividade docente non quedan obras pendentes.
Na visita ao Álvarez Limeses, explicou que nos últimos catro anos investíronse máis de 92.000 euros. Este mesmo ano, foron case 4.000 euros na mellora do axardinamento. No colexio de Marcón estase a repoñer o entorno do parque infantil e a valla exterior do centro. Os investimentos neste centro, no último cuatrienio, superan os 15.000 euros.
O concelleiro destacou a importante matrícula que segue a producirse en Pontevedra, cun total de 5.462 rapaces con praza, dos que 1.848 pertencen ao tramo de Educación Infantil e 3.611 á Primaria.
O concelleiro destaca que a matrícula mantense estable, polos que os mesmos problemas derivados de certa masificación nalgúns centros (entre os que destacan Campolongo, Vilaverde-Mourente e Álvarez Limeses) se reproducen neste curso. Agustín Fernández considera que esta circunstancia vese agravada pola falta de adaptación do mapa escolar da cidade, que obriga a longos desprazamentos para a escolarización de rapaces de diversos barrios da cidade, especialmente, na zona da Parda.
Por outra banda, o concelleiro de Educación destacou que o Concello continuará a colaborar estreitamente durante este curso coa Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa-Pontevedra) para garantir o mantemento da rede de comedores escolares (á que a Xunta de Galicia negou este ano a subvención), das ludotecas  para os períodos vacacionais e o calendario de programas extraescolares.