O alcalde recibe á promesa do triatlón Carmen Gómez Cortés

74

O alcalde de Pontevedra recibiu esta mañá a unha promesa do triatlón pontevedrés, Carmen Gómez Cortés, campiona de España de Acuatlón e Youth. Esta nova deportista, de tan só 15 anos, está adscrita ao Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra pola disciplina de Triatlón, e confía en ir ampliando os seus éxitos pasiño a pasiño, e tendo sempre como referente a súa irmá maior, a nadadora Beatriz Gómez Cortés.
Descuberta hai un ano nas pistas de adestramento de Pontevedra, correu a competición popular do pasado ano acabando primeira, ao igual que no Campionato Galego. A pesares de clasificarse para os campionatos europeos de triatlón, finalmente non competiu por apoiar á comunidade galega no Campionato de España por comunidades.
Non obstante, Carmen Gómez non descarta, de obter as marcas necesarias, participar no vindeiro ano no Campionato europeo e, así, ir incrementando experiencia e palmarés para chegar ao máis alto deste duro deporte.
O alcalde deulle moitos ánimos para continuar nesta traxectora ascendente e agradeceulle que sexa unha dos moitos deportistas que están a situar a Pontevedra na elite do deporte español, europeo e internacional.