A praia fluvial acolle o sábado unha exhibición do Galaico waterpolo aberta á cidade

81

O Concello de Pontevedra e o Club Waterpolo Galaico Pontevedra organizan este sábado, 20 de xullo, unha actividade de promoción deste deporte na praia fluvial do Lérez. Trátase dunha festa para despedir a mellor tempada do club pontevedrés no que aos resultados se refire, logo de acadar 10 títulos das 16 competicións que disputou nesta tempada.
Os xogadores das distintas categorías do club xogarán partidos de exhibición nas augas do Lérez, gozando da praia fluvial situada fronte a Illa do Cobo. A actividade tamén pretende ser unha fórmula de dar a coñecer esta disciplina deportiva para todos os nenos (especialmente de 8 a 13 anos) que o desexen, e pasar un bo anaco entre amigos.
O club instalará dous campos de xogo na zona de baño da praia coas súas respectivas portarías inchábeis. Dende as 11.30 horas até as 13.30 horas, todos os que queiran coñecer e gozar do waterpolo, xa sexa coma participantes ou como espectadores, poderán achegarse até a praia fluvial.