Muller centra a súa actividade do vindeiro curso na prevención

38

A Concellaría de Benestar Social Municipal presentou esta mañá a nova campaña do departamento que se porá en marcha no mes de setembro e prolongarase durante un ano. Esta nova edición continuará xirando sobre a prevención da violencia e o fomento do benestar das mulleres, independentemente da situación e do entorno no que se atopen.

Nesta nova programación relanzarase a campaña sobre a saga Crepúsculo convidando aos mozos e aos seus familiares a que vexa e lean a saga, pero contando cunha información previa de tal modo que teñan unha visión crítica sobre ela. Tamén continuarase traballando coas unidades didácticas.

Para o 25 de novembro, Día contra a violencia de xénero, contarase coa colaboración do grupo de teatro Chevere que fará unhas postas en escena dende a perspectiva de xénero. Analisarán as letras das cancións "que máis nos gustan", porque en moitas delas estase a fortalecer o discurso violento contra as mulleres. Estas obras tamén se levarán aos centros de ensino de Secundaria e Bacharelato.

Carmen Fouces explicou que con esta iniciativa non se trata de demonizar ás persoas que lle gustan as cancións, "non pretendemos facer xuizos morais, senón que a xente goce do que lle gusta pero que sepa o que lle están a dicir".

Redactarase un novo Plan municipal de condutas aditivias facendo fincapé na perspectiva da violencia de xénero, xa que a situación económica actual leva ás mulleres a situacións extremas.

Por outro lado, a Concellaría acaba de recibir unha subvención procedente do programa IRENE da Secretaría de Estado de Servizos sociais e igualdade na que o Ministero subvencionará o 85% do programa até un máximo de 20.000 euros. A Concellaría pretende por en marcha, dende setembro a setembro, varias actividades enmarcadas dentro desta axuda destinada á prevención da violencia sexual entre adolescentes e mozos. O obxectivo é dar recursos aos mozos, ás familias e ao seu entorno para detectar estas situacións e porlles fin.

A Concellaría fará unha xornadas de formación para a cidadanía en xeral para explicar que é este tipo de violencia sexual, como detectala e como combatila. Tamén farán obradoiros formativos dirixidos ao alumnado, de tal xeito que vexan situacións de violencia sexual e como poder darlles resposta; e tamén ofertará obradoiros de formación para profesionais que se atopen en contacto coas vítimas: policía, sanitarios, técnicos do CIM…

Carmen Fouces tamén explicou que a Concellaría rematou o Plan de Igualdade, que neste momento estase a avaliar e que está previsto que en breve comece a redacción no terceiro Plan de Igualdade.

Outro dos puntos nos que traballa o departamento de Muller é unha colaboración coa Universidade de Vigo, e pretende complementar cursos para aquelas asociacións de veciños que dispoñan dunha vocalía da muller.