A Concellería de Deportes felicita á campioa de España de natación en augas abertas, Itziar Aranguren

53

A nadadora do Galaico Itziar Aranguren Abeijón converteuse hai dúas semanas nunha nova figura deportiva pontevedresa. A deportista gañou o Campionato de España Open de Augas Abertas na categoría infantil, o que lle brindou tamén a clasificación automática para o Campionato de Europa que se disputará en Turquía entre o 24 e o 29 de xullo.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, recibiu hoxe a Itziar, que conta con 16 anos, para expresarlle o orgullo do Concello diante desta nova xesta deportiva e expresarlle o apoio municipal.
A nadadora explicou as dificultades desta modalidade, na que conta moito a estratexia á hora de gardar forzas, colocarse para pasar ben as balizas e soportar os golpes que propinan as rivais.
Aranguren está xa a preparar a súa participación no Europeo, ao que acode por segunda vez, aínda que desta irá coas máximas aspiracións.
Fernández destacou os logros que está a producir o Galaico, especialmente en mulleres, o que supón unha dobre satisfacción, pois, recalcou, o deporte debe ser sempre un factor de igualdade e o Concello ve sempre con bos ollos todas as iniciativas que tenden a impulsar a participación feminina.
O éxito individual de Itziar quedou tamén confirmado pola excelente clasificación do Galaico como cuarto clasificado por equipos sobre o total dos 36 clubs participantes.