Comeza o proceso de inspección do campo de Pasarón con vistas á recepción das obras

81

A Concellería de Deportes iniciou hoxe a inspección do campo municipal de Pasarón, un proceso previo á recepción formal da instalación e que durará cando menos ata finais de setembro. O concelleiro, Agustín Fernández, acompañou hoxe aos técnicos municipais na primeira visita das moitas que se producirán ao longo do verán.
Fernández explicou que hai varias semanas que concluíu a revisión da documentación remitida dende a Deputación, órgano de Contratación en virtude do convenio asinado co Concello e a Xunta, e agora toca abordar a fase final, para comprobar a correspondencia das obras executadas. O concelleiro lembrou as dificultades para completar a documentación administrativa e técnica, ata o punto de que necesario facer tres requirimentos á Deputación Provincial.
O proceso de revisión do campo será laborioso e incluirá comprobacións tanto na estrutura como nas diferentes instalacións. Fernández insistiu en que trátase dun traballo puramente técnico, polo que cómpre reservarse as opinións persoais sobre humidades, calidade da iluminación e outros aspectos.
Non obstante, anticipou que para a revisión do terreo de xogo será contratada unha empresa especializada, pois trátase dunha cuestión moi específica e os técnicos municipais carecen da  cualificación precisa.
Fernández insistiu en que o Concello quere recibir o campo canto antes, pero, sobre todo, en óptimas condicións. Engadiu que se se recibe con deficiencias, habería unha repercusión económica para o Concello en forma de reparacións ulteriores ou maiores gastos de mantemento. Agora, indicou, hai que deixar traballar aos técnicos municipais, os únicos, dixo Agustín Fernández, dos que se pode fiar o Concello para saber se Pasarón está en condicións adecuadas.
Finalmente, remarcou que hai que ter moi presente que Pasarón supuxo un investimento de máis de 15 millóns de euros, cando a obra foi adxudicada en pouco máis de 7 millóns. Toca ser moi escrupulosos para comprobar en que se gastaron todos eses cartos públicos, concluíu o concelleiro.