O torneo 3×3 de baloncesto congregará a máis de 850 rapaces na avenida de Montero Ríos

73

A avenida de Montero Ríos converterase mañá, xoves, nun gran complexo de canchas de baloncesto coa celebración da duodécima edición do “3×3 na Rúa”, o evento organizado polo Arxil e patrocinado pola Concellería de Deportes.
Haberá récord de participación, pois agárdase a presenza duns 850 xogadores de Terceiro a Sexto de Primaria. Están inscritos os colexios Froébel, Calasancias, Doroteas, Campolongo, Barcelos, Méndez Núñez, San Bieito de Lérez, San José e Barcelos. Tamén participarán membros da asociación de persoas con discapacidade psíquica “Virgen de la O”.
A xornada comezará ás 9.45 horas para rematar sobre as 13.15 horas coa entrega dos agasallos aos participantes.
Na avenida de Montero Ríos disporanse un total de 27 canchas. En cada unha haberá 22 partidos, polo que chegarase case á cifra dos 600 cruzamentos, cunha duración aproximada de oito minutos por cada un. Os partidos desenvólvense sen marcador e con espírito lúdico, polo que non hai nin gañadores nin perdedores.
O Arxil fará novamente un gran despregamento organizativo contando cuns 35 voluntarios e máis de 50 profesores.
Agustín Fernández destacou que asistimos á gran festa do baloncesto e a unha actividade que exemplifica perfectamente os valores do deporte. O concelleiro puxo tamén en valor a aposta que o Arxil fai pola promoción do deporte feminino.