A Concellería de Educación prorroga a colaboración con Fanpa-Pontevedra para comedores, ludotecas e actividades

86

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a prórroga de dous convenios entre o Concello e a Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa-Pontevedra), por un importe global de 261.625 euros, para desenvolvemento de actividades complementarias educativas durante o ano 2013.
A decisión adoptouse por iniciativa do concelleiro de Educación, Agustín Fernández, quen destacou que está moi satisfeito cos resultados acadados nestes últimos anos en canto conciliación da vida laboral e familiar, integración social e cultural, formación dos escolares en hábitos de vida saudábeis e adquisición de habilidades sociais de convivencia baixo criterios de igualdade e solidariedade.
O primeiro convenio ten un importe de 206.625 euros e cobre a prestación dos servizos de comedores escolares e Plan Madruga (almorzos), xunto con actividades paralelas.
O apoio da Concellería de Educación, que comezou hai catro anos con este tipo de colaboración, permite que preto dun milleiro de rapaces coman na rede de comedores escolares do municipio, xestionada practicamente na súa integridade por Fanpa-Pontevedra.
O segundo convenio, cun importe de 55.000 euros financia o programa de ludotecas de Verán e Nadal, unha liña que se ven potenciando dende o Concello e que alcanza a participación duns 1.200 rapaces de entre 3 e 12 anos.
O éxito do programa levou á Concellería e a Fanpa-Pontevedra a estrear durante o pasado curso un novo servizo de ludoteca para cubrir o período de vacacións de Semana Santa.