As seleccións de Galicia e Israel xogarán un amigable en Pontevedra o próximo domingo ás 12.30 horas

60

A Selección Galega sénior masculina enfrontarase á de Israel o próximo domingo, día 2, ás 12.30 horas, no Pavillón Municipal de Deportes. O encontro foi presentado hoxe polo concelleiro Agustín Fernández; o presidente da Federación Galega, José Luis Pérez Ouro, e o presidente da S.D. Teucro, Carlos García Alén.
Galicia estará dirixida por Javier Barrios e Quique Domínguez e volverá ás canchas coa intención de seguir invicta. Previamente, ao partido de Pontevedra, o sábado día 1, o partido celebrarase tamén no pavillón de Meaño (18.00 horas).
O obxectivo da Federación Galega con estes partidos é amosar o magnífico nivel do balonmán galego, así como achegalo á sociedade.
O equipo galego estará formado por xogadores de clubs Asobal (Villa de Aranda e BM Aragón) e varios equipos galegos. Entre os convocados figuran os teucristas Jose Rial, Borja Fernández e Tomás Moreira e o xogador do Cisne Pablo Domínguez.
Pérez Ouro explicou que o partido tardou en anunciarse diante da necesidade de agardar pola dispoñibilidade do combinado israelí, que está preparando o Preeuropeo. A idea, subliñou, é compensar na medida do posible, pola perda do partido internacional, clasificatorio para o Europeo de 2014, entre as seleccións de España e Suíza do próximo 16 de xuño.
O presidente da Federación Galega, foi moi duro co novo presidente da Federación Española, Francisco Blázquez, a quen acusou de ampararse en vaguidades e “non verdades” para xustificar a decisión de cambiar a sede do partido de Pontevedra a León. Foi un capricho dun señor e un xeito de pagar favores, afirmou.
Na mesma liña, o presidente do Teucro asegurou que non se sente representado polo presidente da Federación Española e lamentou o dano que se lle fixo ao Teucro e, por extensión, á cidade de Pontevedra.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, quen xa enviou unha carta a Francisco Blázquez criticando o sucedido, anunciou o envío doutra misiva, desta volta ao presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Íñigo de la Serna, para que o máximo representante do municipalismo español, e por extensión todos os alcaldes e concelleiros de Deportes, saiban “que non se poden fiar da Federación Española de Balonmán”. As queixas serán elevadas tamén nos próximos días á Federación Europea (EHF).