A praza de España celebra o venres o certame escolar Xadrez na Rúa e o sábado o torneo internacional PonteXadrez

70

O xadrez será protagonista esta fin de semana en Pontevedra. A praza de España acolle este venres, día 24, a quinta edición do certame escolar Xadrez na Rúa, mentres que o sábado, día 25, chegará o torneo internacional PonteXadrez, que chega á súa cuarta edición e traerá a Pontevedra a xogadores das catro provincias galegas e de Portugal.
Os dous eventos foron presentados hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente do club Escola Xadrez Pontevedra, Daniel Rivera. Ambos vaticinaron unha espectacular participación, na liña dos últimos anos.
O Xadrez Pontevedra conta para a organización co apoio dos colexios Campolongo, Vilaverde (Mourente) e Froébel e chega coincidindo coa recta final do curso escolar. O horario será de 17.00 a 19.30 horas.
O torneo PonteXadrez continúa encadrado no Circuíto Galego de Promoción, composto por unha ducia de competicións. A cita de Pontevedra é sempre a máis multitudinaria e a única que se celebra ao aire libre. As partidas comezarán pola mañá e prolongaranse durante toda a tarde.
Agárdase récord de participación, con máis de 400 xogadores en todas as categorías de idade, dende sub-8 ata absoluta. Haberá tamén presenza de xogadores da Once.
Agustín Fernández destacou o traballo de base que está a facer o Xadrez Pontevedra, responsable tamén de boa parte da promoción deste deporte entre a sociedade pontevedresa.
O torneo invita aos participantes a doar un quilo de alimentos non perecedoiros con destino ao comedor de San Francisco. Agárdase superar a media tonelada.
Por outra parte, conta coa colaboración de Turismo de Pontevedra, que ofrece unha visita guiada polo Centro Histórico ás 11.30 horas. Unha axuda que, destacou Agustín Fernández, queda plenamente xustificada polo feito de que o torneo trae a Pontevedra a un milleiro de persoas entre xogadores e acompañantes.
As inscricións están abertas no enderezo electrónico narua@xadrezpontevedra.com ou no teléfono 650645318 ata mañá mércores, día 22.