Adega resolve dúbidas en Mourente sobre a Campaña de compostaxe doméstica

83

A Concellaría de Servizos e Adega iniciaron nestes días as visitas aos veciños de Mourente que participan no programa de compostaxe doméstica que puxo en marcha o departamento que xestiona Carme da Silva.
Logo de recibir o composteiro e asistir a unha xornada de formación, os técnicos de Adega iniciaron unha nova fase do programa coas visitas aos domicilios dos participantes para resolver dúbidas sobre calquera dos procesos da compostaxe e ver que se están a empregar correctamente.
As visitas continuarán nas vindeiras semanas por todos os domicilios que recibiron un composteiro. Cabe lembrar que esta campaña iniciouse no pasado mandato polas parroquias de Salcedo e Tomeza, e esta segunda edición abarcou as parroquias de Mourente, Marcón e Bora coa intención de crear un plan de educación ambiental para adultos e informar e ilustrar sobre a xestión adecuada da materia orgánica devolvéndoa á terra, e reiniciando o seu ciclo “vital”.
A campaña de compostaxe doméstica rematará á finais de ano. Os técnicos de Adega farán até tres visitas aos domicilios, ao longo destes meses, para facer un seguimento do programa e resolver dúbidas. Ao remate, pasaralles unha enquisa para coñecer a súa opinión sobre este proxecto de iniciativa municipal.