Pontevedra acada as dúas primeiras medallas nun campionato de España de boxeo olímpico

85

O Campionato de España de boxeo olímpico nas categorías cadete e junior concluíu cunha colleita de dúas medallas de bronce para o club Asociación de Boxeo de Pontevedra (ABP). Trátase das primeiras preseas conseguidas por deportistas da cidade neste deporte e nun campionato nacional.
Germán Díaz, categoría cadete de ata 54 kilos, e Héctor Rodríguez, categoría junior de ata 91 kilos, acadaron as súas recompensas como membros da Selección Galega. O torneo celebrouse en Béjar (Salamanca) os pasados días 14 e 15 de abril.
Os dous boxeadores foron recibidos polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, quen os animou a compatibilizar o deporte cos seus estudos. Germán, con só 14 anos, estuda Terceiro da ESO; mentres que Héctor, con 16, está a preparar un módulo de FP. O concelleiro destacou que o boxeo, como todos os deportes a nivel competitivo, implica unha gran dose de disciplina e sacrificio. Ademais, amosouse orgulloso de contar con dous novos rapaces que se unen á impresionante colleita de éxitos deportivos desta cidade.
Na recepción estivo presente o adestrador, José Manuel Santiago, quen destacou que o potencial dos dous rapaces está por descubrir. O boxeo, destacou, é un deporte no que se chega á madurez a partir dos 25-30 anos, polo que con estas idades teñen todas as portas abertas.
Germán xogaba ao fútbol e quedou enganchado co boxeo despois dunha soa sesión de proba. Héctor chegou a través do kick-boxing. Un leva ano e medio adestrando e o outro só cinco meses. Non obstante, dedican entre dúas e tres horas diarias ao adestramento. Germán comeza ás 6 da mañá para poder compatibilizalo cos seus estudos.
O ABP Pontevedra manexa un número flutuante de licenzas ao longo do ano, que nos momentos de máxima actividade, supera as 200.