Os rapaces do “Cartafol do Lérez” entrevistan ao tirador paralímpico pontevedrés Juan Saavedra

73

O tirador pontevedrés Juan Saavedra será o protagonista do próximo número do Cartafol do Lérez, o xornal escolar que edita a Concellería de Educación no marco dun programa educativo desenvolvido en colaboración co equipo pedagóxico da editorial Kalandraka.
Saavedra, medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Londres na modalidade de tiro con carabina a 50 metros, foi sometido a un auténtico “bombardeo” de preguntas polos alumnos de quinto e sexto cursos do colexio Álvarez Limeses, que foi a parada do equipo do Cartafol durante esta última quincena.
Se che dan unha medalla pódese vender despois? Que almorzaches o día que gañaches a medalla de prata? Podes poñer uns lentes de contacto para ver mellor o branco? Algunha vez sentiches pena por un rival? Foron algunhas das preguntas saídas dos rapaces, que mesturaron cuestións anecdóticas con outras dignas dun auténtico xornalista deportivo. Entre elas: Cal é o teu soño? Ao que Saavedra respostou, sen dubidar, “gañar a medalla de ouro”, ofrecendo así un máis que posible titular.
A entrevista, que durou hora e media, foi toda unha experiencia que o deportista pontevedrés non esquecerá, pois, segundo confesou, nunca o tiñan sometido a un interrogatorio “tan duro e imprevisible”.
O programa de animación á lectura e á escrita creativa “O Cartafol do Lérez” está a afrontar este curso unha nova andaina. O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, estivo hoxe no Álvarez Limeses para compartir con Saavedra a súa peculiar experiencia e saudar aos rapaces e ao equipo de Kalandraka.
A iniciativa está orientada a tódolos alumnos de 10 a 11 anos (terceiro ciclo de Educación Primaria) dos centros educativos públicos do concello de Pontevedra e tenta dar un paso máis no camiño de achegamento dos nenos e nenas ao libro, á lectura e, sobre todo, á escrita, reforzando o papel das bibliotecas escolares como espazo vertebrador  e fundamental neste proceso.
Nesta cuarta edición participan 515 nenos repartidos en 22 grupos e nove centros escolares (Vilaverde, Marcón, Froébel, Marcos da Portela, Álvarez Limeses, A Carballeira, San Bieito de Lérez, Cabanas e Santo André de Xeve).
Agustín Fernández destacou que programas de animación á lectura hai moitos, pero non tantos que aprendan aos rapaces a escribir desenvolvendo todo o potencial da súa imaxinación. Ademais, destacou, trátase dunha aprendizaxe que se realiza directamente nas bibliotecas escolares ás que, ao remate do programa, enriquécese cunha doazón de material escolar editado por Kalandraka.
O concelleiro entende que un dos puntos máis atractivos deste programa, impulsado polo seu departamento, é que inclúe a doazón a cada centro participante dun lote de 20 libros para a dotación da súa biblioteca. Os títulos intégranse, ao tempo, na temática dos traballos que elaboran os escolares durante a campaña.