“O Cartafol do Lérez” tingue os colexios de Pontevedra de imaxinación e gusto pola escrita creativa

39

A Concellaría de Educación do Concello de Pontevedra pon en marcha unha nova edición do programa de animación á lectura e á escrita creativa “O Cartafol do Lérez”. O concelleiro, Agustín Fernández, visitou hoxe o colexio de Vilaverde (Mourente) nesta cuarta edición dun dos programas educativos máis exitosos de cantos organiza o seu departamento.
A iniciativa está orientada a tódolos alumnos de 10 a 11 anos (terceiro ciclo de Educación Primaria) dos centros educativos públicos do concello de Pontevedra e tenta dar un paso máis no camiño de achegamento dos nenos e nenas ao libro, á lectura e, sobre todo, á escrita, reforzando o papel das bibliotecas escolares como espazo vertebrador  e fundamental neste proceso.
Nesta cuarta edición participan 515 nenos repartidos en 22 grupos e nove centros escolares (Vilaverde, Marcón, Froébel, Marcos da Portela, Álvarez Limeses, A Carballeira, San Bieito de Lérez, Cabanas e Santo André de Xeve).
Agustín Fernández destacou que programas de animación á lectura hai moitos, pero non tantos que aprendan aos rapaces a escribir desenvolvendo todo o potencial da súa imaxinación. Ademais, destacou, trátase dunha aprendizaxe que se realiza directamente nas bibliotecas escolares ás que, ao remate do programa, enriquécese cunha doazón de material escolar editado por Kalandraka.
O concelleiro destacou a gran acollida deste programa entre os equipos docentes dos centros, algo que, ao seu modo de ver, ten moito que ver co acerto de ter elixido para desenvolvelo á editorial pontevedresa Kalandraka, que se encarga da posta en marcha dos contidos e da elaboración do xornal en papel “O Cartafol do Lérez”, así como da actualización do blog www.ocartafoldolerez.org. “Temos a sorte de ter en Pontevedra a unha empresa que crea contidos, que imprime soños, e que é recoñecida en todo o mundo; polo tanto, era unha obriga para a Concellería de Educación aproveitar o seu potencial e poñelo ao servizo do ensino público”, declarou o edil.
Na elaboración do “Cartafol” participan directamente os nenos e nenas a través de actividades e obradoiros desenvolvidos nas súas bibliotecas escolares. A versión dixital serve como medio de comunicación e intercambio entre as distintas bibliotecas, os seus usuarios e a sociedade en xeral. O blogue xa está en funcionamento e reflicte as actividades realizadas nas edicións anteriores. A edición en formato papel distribúese entre toda a poboación escolar de Pontevedra de Educación Infantil e Primaria. Recolle todos os traballos dos diferentes obradoiros e fai a función de escaparate do traballo de cada centro.
Agustín Fernández destacou que un dos puntos máis atractivos do programa é que inclúe a doazón a cada centro participante dun lote de 20 libros para a dotación da súa biblioteca pertencentes ao catálogo de Kalandraka. Os títulos intégranse, ao tempo, na temática dos traballos que elaboran os escolares durante a campaña.