O Circuíto de Carreiras Populares, unha fórmula para incentivar o deporte feminino

82

O Circuíto de Carreiras Populares (CCCP) que a Concellería de Deportes puxo en marcha durante este ano está a acadar magníficos resultados de participación global, e tamén feminina, segundo se desprende dos datos rexistrados após das dúas primeiras probas.
O concelleiro, Agustín Fernández, está satisfeito dos números que deixou a segunda carreira, celebrada a pasada fin de semana en Monte Porreiro, onde, a pesar do mal tempo, alcanzouse un importante éxito organizativo.
O número global de participantes subiu dos 283 rexistrados o pasado 2 de febreiro en San Brais a un total de 383.
Sen embargo, Fernández está especialmente satisfeito da incentivación da participación feminina, posto que das 23 corredoras que participaron en San Brais, chegouse a un total de 45 en Monte Porreiro, o que supón unha suba superior ao 100%. Entende o concelleiro que a idea de organizar categorías por parellas serviu de aliciente, polo que aposta por mantela para as seguintes  probas do calendario local.
Hai que subliñar tamén que coa proba de Monte Porreiro remataba a inscrición para participar no CCCP, no que quedaron inscritos un total de 160 deportistas.
Despois da celebración desta segunda proba do CCCP, aínda quedan por correrse outras catro carreiras para completar as seis previstas: a terceira será un 10.000 polo centro da cidade o 15 de xuño e en horario nocturno, a partir das 21.00 horas. A continuación, a carreira do Santiaguiño do Burgo, sobre un circuíto renovado de 5.700 metros, o próximo 25 de xullo. A penúltima proba será a carreira de Campañó, coa mesma estrutura que na actualidade e unha distancia de 9.650 metros, o 21 de setembro. Finalmente, chegará a gran cita do medio maratón o 20 de outubro.