Monte Porreiro acolle este domingo a segunda proba do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra

75

O Circuíto de Carreiras Populares (CCCP), que puxo en marcha este ano a Concellería de Deportes, chega á súa segunda proba. O barrio de Monte Porreiro será escenario este domingo do Gran Premio UNED, un evento que recupera o espírito das carreiras que hai algúns anos se celebraban neste entorno.
A proba foi presentada hoxe polo concelleiro, Agustín Fernández, acompañado da directora do centro asociado da Universidade, Beatriz Rodríguez; o representante do Consello de Barrio, Manuel Ramallo, e directivos da Sociedad Gimnástica. A UNED celebra o seu 40 aniversario e sumouse a iniciativa municipal dentro dos actos conmemorativos da efeméride.
Fernández destacou que o CCCP naceu para responder á inquietude de centos e centos de pontevedreses que calzan as zapatillas e saen a correr varios días á semana. Pensamos que con esta idea démoslles un aliciente para seguir adestrando e, ao tempo, animamos a outras persoas para estrear un estilo de vida máis saudable.
Dende o primeiro momento, subliñou, tivemos claro que unha das seis carreiras do circuíto tiña que ser en Monte Porreiro porque é moito máis que un barrio e todo un exemplo de dinamización social nestes últimos 30 anos. Agradeceu a colaboración da UNED, da Gimnástica e do movemento veciñal.
O prazo de inscrición pechouse cun total de 384 adultos, unha cifra que o concelleiro de Deportes considerou moi satisfactoria para esta primeira edición e que confirma a aceptación que está a ter o CCCP e que xa quedou demostrada coa primeira proba, celebrada en San Brais, a principios de febreiro. Xunto cos participantes infantís, agárdase superar as 500 persoas.
Dos 384 participantes, un total 160 quedaron definitivamente inscritos no Circuíto. O prazo de inscrición para o circuíto remataba, simultaneamente, co desta segunda proba do calendario. Como curiosidade, o concelleiro comentou que entre as persoas inscritas para este Gran Premio UNED hai 31  desempregados, que teñen a inscrición gratuíta. Tamén quedou confirmada a participación de 15 alumnos da UNED. Finalmente, comentouse que se introduciu a novidosa categoría de parellas, na que hai 17 inscricións.
O Gran Premio UNED desenvólvese sobre un circuíto de dúas voltas, con saída e chegada no Mirador, sobre unha distancia total de 8 Km. A saída será ás 10.00 horas para as categorías menores e ás 11.00 horas para adultos.
Trátase dun circuíto trazado para non entorpecer demasiado a vida diaria do barrio. E sobre todo, non cortar os seus accesos principais por unha cuestión de seguridade diante dunha emerxencia. Hai xente que apostaba por trazar parte do percorrido pola senda do río. A idea barallouse, pero quedou descartada por esta circunstancia.
Ao remate haberá chocolatada e rosca, cortesía do movemento veciñal de Monte Porreiro.
Despois da celebración desta segunda proba do CCCP, aínda quedarán por correrse outras catro para completar as seis previstas: a terceira proba será un 10.000 polo centro da cidade o 15 de xuño e en horario nocturno, a partir das 21.00 horas. A continuación, a carreira do Santiaguiño do Burgo, sobre un circuíto renovado de 5.700 metros, o próximo 25 de xullo. A penúltima proba será a carreira de Campañó, coa mesma estrutura que na actualidade e unha distancia de 9.650 metros, o 21 de setembro. Finalmente, chegará a gran cita do medio maratón o 20 de outubro.