Case 300 alumnos de Primaria participan nas Olimpíadas do Recreo

76

As Olimpíadas do Recreo, un programa da Concellería de Educación e a Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa-Pontevedra) no que se mesturan os aspectos lúdicos cos educativos, botou hoxe a andar no colexio de Marcón.
O concelleiro Agustín Fernández visitou hoxe aos rapaces que participaron na primeira xornada de “competición”, que consistiu nun “enfrontamento” entre varios equipos de alumnos para medir as súas capacidades e coñecementos.
Durante dúas horas, os rapaces do colexio de Marcón medíronse para seleccionar aos equipos que pasarán á seguinte fase. A competición xirou en torno a catro áreas, nas que obtiveron unha puntuación. Comezou coa área de Educación e Cultura: un gran “pasapalabra”  con preguntas baseadas na cidade de Pontevedra e a provincia para coñecer a historia, a xeografía, as xestas deportivas, a cultura… A continuación chegou a parte Científica, na que dúas investigadoras tolas animaron e dirixiron experimentos e “inventos”. O terceiro apartado foi o Deporte e consistiu nunha carreira de Orientación. A última área da competición dedicouse á Saúde: unha dietista aprendeu aos alumnos a importancia dunha dieta axeitada, os rapaces planificaron unha compra semanal e elaboraron a pirámide alimenticia.
Agustín Fernández, que gozou do ambiente divertido no que se desenvolveron as distintas probas, destacou que as Olimpíadas do Recreo son unha escusa para aprender.
Os catro colexios mellor clasificados pasarán ás semifinais e, no caso de seren eliminados, a unha rolda de consolación. A gran final disputarase o domingo, 14 de abril, entre os dous colexios máis destacados no marco do salón da Educación, Edugal. As Olimpíadas rematan cunha gran festa para todos os nenos/as participantes.
Os gañadores obterán un cheque-regalo de material escolar valorado en 400 euros; os segundos, cheque-regalo de 200 euros e os terceiros, de 100 euros.
Nesta primeira edición das Olimpíadas do Recreo están a participar 290 alumnos de Quinto e Sexto cursos de Educación Primaria. Os colexios inscritos son o de Marcón, San Bieito de Lérez, Cabanas (Salcedo), Álvarez Limeses, Xunqueira I, A Carballeira (Lourizán) e Santo André de Xeve.