A Concellería de Educación e Fanpa-Pontevedra poñen en marcha as ludotecas de Semana Santa

68

A Concellería de Educación, en colaboración coa federación de asociacións de nais e pais (Fanpa-Pontevedra), dá un paso máis a prol da conciliación da vida familiar e laboral. Ás ludotecas de Nadal e Verán súmanse agora ás ludotecas de Semana Santa.
A oferta foi presentada hoxe polo concelleiro, Agustín Fernández, e o presidente da Fanpa, Alberto Pita. Fernández explicou que trátase de cubrir un oco, unha necesidade social que estaba aí. Especialmente nun momento de recortes, nos que as Administracións se retiran do apoio ás familias. Unha opinión na que coincidiu Pita, quen subliñou que a crise económica provoca que moitas familias que antes podían irse de vacacións agora teñen que quedar na casa e traballar.
As ludotecas de Semana Santa cubrirán os tres días que non son docentes, pero sí laborais. Estarán abertas do luns, 25, ao mércores, 27 da Semana Santa, xusto antes da paréntese festiva. Terán 160 prazas (80 no colexio de Campolongo e 80 no Manuel Vidal Portela).
Están deseñadas para nenos/as de Infantil e Primaria (de 3 a 12 anos). Terán prioridade os fillos/as de membros das ANPA federadas. O custo da actividade é de 10 euros polos tres días.
A matrícula realízase enviando a folla de inscrición cuberta ao enderezo electrónico actividades@nontedurmas.org ou presencialmente nas oficinas da Federación (rúa Alfonso XIII, na antiga sede do Conservatorio). Para máis información debe chamarse ao 986 84 34 12.
Agustín Fernández agradeceu o papel fundamental que Fanpa-Pontevedra realiza para poñer en marcha medidas de integración social como esta, na que  se demostra a vocación de apoio ás familias por parte do Concello de Pontevedra.