A Concellería de Educación mantén, un ano máis, as axudas para as ANPA do municipio

65

A Concellería de Educación volverá apoiar durante este curso ao movemento educativo pontevedrés cunha nova convocatoria das axudas para financiar as actividades sen ánimo de lucro desenvolvidas polas Asociacións de Nais e Pais (ANPA) durante o curso escolar 2012-2013.
O importe total das axudas será, nesta convocatoria, de 24.670 euros. O importe de cada subvención non poderá exceder do 50% do custo da actividade.
O concelleiro, Agustín Fernández, destaca que trátase das únicas axudas públicas ás que pode optar o movemento educativo, toda vez que nin a Xunta de Galicia, nin a Deputación Provincial puxeron en marcha convocatorias de relevancia durante os últimos anos. De feito, as propias asociacións insistiron na necesidade urxente de que se mantivera esta convocatoria, única vía, por tanto, de poñer en marcha as iniciativas propias.
Agustín Fernández quere destacar que o apoio directo ás Asociacións de Nais e Pais é un esforzo adicional que fai o seu departamento, a maiores do convenio que ten asinado coa Federación Provincial, Fanpa-Pontevedra, para financiar actividades tan importantes como os comedores escolares, ou os programas de escrita creativa “O Cartafol do Lérez”, de apoio ás familias con nenos hiperactivos ou con déficit de atención. Tamén serve para desenvolver as ludotecas de Nadal e verán e boa parte das actividades de lecer.
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases e a convocatoria. As axudas poderán solicitarse no período dun mes dende o día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.