A Concellería de Deportes anima aos pontevedreses a presenciar a Liga Europea de Nacións de Tenis de Mesa

58

O tenis de mesa segue a ser protagonista en Pontevedra. O Pavillón Municipal dos Deportes será o escenario da última xornada da Liga Europea de Nacións. España enfrontarase en categoría masculina a Serbia e en feminina a Romanía.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, quere invitar a todos os pontevedreses a asistir ao Pavillón a presenciar este evento do máximo nivel, no que se poderán presenciar magníficos partidos. A Concellería enviou durante os últimos días invitacións a todos os colexios de Pontevedra e quere que este evento sexa un colofón idóneo dos recentes Campionatos de España.
A montaxe no Pavillón rematouse esta mesma mañá. As dúas mesas de competición quedaron colocadas nun lateral para garantir unha maior proximidade do público, que disporá así de tres gradas moi próximas. Tamén instalouse solo especial, vallas e reforzo de iluminación. Ademais, quedou confirmado que a xornada será retransmitida en “streaming” pola web de Ponte.tv, e a través dun enlace ao sitio da Federación Española.
España milita na máxima categoría do tenis de mesa europeo, a Championship Division, tanto en categoría masculina como feminina. A clasificación final servirá para fixar os cabezas de serie para o próximo Campionato de Europa que se celebrará en Austria o próximo mes de outubro.

Ao ser a última xornada desta competición, os dous partidos disputaranse de xeito simultáneo, á mesma hora. A selección feminina ten a permanencia asegurada, mentres que o equipo español masculino xógase as súas opcións de manter a categoría diante dos serbios. Os cruces consisten en varios partidos individuais e un de dobres entre os xogadores de cada país.
Serbia aínda non conseguiu aínda puntuar e ocupa a sexta praza da clasificación onde, ademais de España, están Alemaña, Portugal, Francia e a subcampioa de Europa, Suecia, diante da que o equipo nacional conseguiu unha meritoria vitoria na primeira xornada.

Na categoría feminina, as cousas están máis tranquilas, despois da última vitoria das españolas diante de Inglaterra, que serviu para consolidar a permanencia.