O TSXG dá a razón ao Concello que non debe pagar a Sogama máis de 300.000 euros

54

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González desvelou esta mañá a última sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que dá a razón ao Concello de Pontevedra nos pagos mensuais á empresa pública Sogama polo tratamento do lixo de Pontevedra. O tribunal considera que ten plena vixencia a cláusula de revisión do contrato que asinaron no ano 1997 o Concello de Pontevedra e Sogama.

A finais de maio de 2012 o Xulgado Contencioso 3 de Pontevedra estimaba a demanda presentada por Sogama na que lle reclamaba o pago de 301.000 euros ao Concello de Pontevedra polo tratamento do lixo entre agosto e decembro de 2008.

O Concello e Sogama discrepan no pago por tonelada. O Concello defende o contrato asinado coa empresa pública no ano 1997 e no que figura unha cláusula de revisión anual en función do incremento do IPC e unha fórmula polinómica en relación á subida da enerxía. Nos últimos anos esta cláusula de revisión é moi favorable ao Concello de Pontevedra, fronte ao canon que Sogama lle quere impoñer a Pontevedra, similar ao de outros concellos gallegos.

Esta discrepancia levou a Sogama a ir denunciando ao Concello do Lérez dende o ano 2005 por supostos impagos das facturas mensuais. As denuncias entre 2005 e 2008 estaban prescritas, polo que os xulgados xa non entraron no fondo da cuestión e o Concello aforrou 2,5 millóns de euros.

As seguintes denuncias si están en prazo, e aínda que en primeira instancia os xulgados avalaron a postura de Sogama, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acaba de darlle a razón ao Concello ao entender que a cláusura de revisión do contrato ten perfecta vixencia e así debe facturarse mes a mes.

Esta sentenza (sen posible recurso) é moi beneficiosa para o Concello porque lle aforra o pago de 301.000 euros a Sogama polas facturas de agosto a decembro de 2008, segundo as contas que a empresa pública bota polo tratamento do lixo en Pontevedra. E porque supón un bo precedente para os sucesivos fallos xudiciais que están pendentes sobre o mesmo tema, pero por anualidades distintas.

Segundo explicou hoxe Raimundo González, poden estar en xogo arredor de 3 millóns de euros nas reclamacións de 2009 a 2012.