Esta fin de semana, Campionato Galego de Orientación a Pé

78

A Orientación, un deporte en claro crecemento en Pontevedra, volve ao primeiro plano da actualidade deportiva. Desta volta para celebrar o Campionato Galego de Carreiras de Orientación a Pé durante esta fin de semana.
A proba foi presentada hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, acompañado do presidente do club Montañeiros de Pontevedra A Roelo, Manuel Beloso, e o vocal de Orientación, Javier Alvelo, auténticos responsables do despegue desta especialidade en Pontevedra e a súa bisbarra.
O concelleiro destacou que a Orientación é unha opción perfecta para iniciarse no deporte, ao combinar perfectamente os aspectos lúdico e competitivo. Unha forma ideal de divertirse na fin de semana, destacou. Agradeceu especialmente ao club de Montañeiros a organización de actividades complementarias na Illa das Esculturas para complementar un campionato que se vai celebrar por terras do Morrazo.
Un total de 700 deportistas participarán no Campionato Galego de Orientación, mentres que outras 200, cando menos, as actividades complementarias, polo que se agarda a presenza de preto de 1.000 persoas durante toda a fin de semana en Pontevedra.
O campionato constará de dúas probas coa seguinte estrutura:
1ª carreira (Distancia Media)- 2ª proba da XXII Liga Galega de Orientación a pé a celebrarse o sábado día 9 de marzo ás 10:30h en Ermelo (Bueu).
2ª carreira (Distancia Longa)- 3ª proba da XXII Liga Galega de Orientación a pé a celebrarse o domingo día 10 de marzo ás 10:00h en Nerga-Donón (Cangas).
A orientación deportiva é unha actividade popular que ofrece a oportunidade, a persoas de todas as idades, de descubrires o noso entorno natural por medio do deporte.
A base deste deporte é a localización dunhas balizas brancas e laranxas postas no monte, a través da interpretación dun mapa e coa axuda dun compás. Este deporte practícano familias, persoas novas e maiores con distintos obxectivos. Hai quen só pretende pasar unha divertida xornada, gozando do monte e xogando a orientarse e, por suposto, está a competición aos máis altos niveis. Para iso ofértanse ata 9 percorridos con diferentes niveis de dureza e dificultade técnica (dende 1 ou 2 Km para os nenos, ata 10 ou 11 Km para a categoría de elite).
Cada unha destas carreiras puntuará para o ránking da Liga Galega, e o cómputo das dúas será o resultado do Campionato Galego de Orientación 2013. Os campións galegos haberán de ser federados pola FEDO e pertencer a un club galego.
Como complemento ao Campionato, e dentro do mesmo evento denominado “PONTEaORIENTAR 2013” teremos, na tarde do sábado, ás 16.30 horas, dúas actividades lúdicas de orientación que se desenvolverán na Illa das Esculturas de Pontevedra:
-PonteTrail 2013: Unha proba de orientación na modalidade de O-Trail especialmente deseñada para persoas con discapacidade. Poderán desprazarse por un itinerario sen barreiras e no que a técnica de orientación imponse sobre a velocidade.
-PonteSprint 2013: Unha proba de orientación na modalidade de Sprint (curta distancia, fácil orientación e terreo apto para unha alta velocidade de progresión), pero na que a organización resérvase o dereito a agachar algunha sorpresa para que a cousa non sexa tan doada como parece.