Volven os Cantos de Taberna!

25

Mañá mesmo, 1 de marzo, volven os Cantos de Taberna aos bares do centro histórico da cidade. Foron presentados esta mañá pola concelleira de Festas, Carme da Silva e pola presidenta da Asociación cultural Maravallada, Mar Fernández, que presentaron o programa e as novidades desta segunda edición.
Voltarán os últimos venres de cada mes –como na pasada edición- e comezan mañá, 1 de marzo, polos locais A Casa do Lado e Enpé. Continuarán con:
• 22 de marzo (no é o último do mes por ser aquel o Venres Santo): Contribución e Estafeta
• 26 de abril: Lareira e Rebusco
• 31 de maio: Timón e Pasaje
• 28 de xuño: Reixas e A Navarra
Entre as novidades desta edición está reducir de tres a dous os locais que se visitarán cada noite. Era unha das peticións das persoas que gozan desta programación dado que cando comezaban a cantar ou a animarse, os grupos xa tiñan que cambiar de bar. Por este motivo, redúcese a dous e o horario é de 21.00 a 00.00 horas.
Nesta edición os Cantos de Taberna van ir acompañados de dous obradoiros que se desenvolverán os días 9 e 16 de marzo, nas dependencias do antigo conservatorio de música entre as 10.00 e as 14.15 horas.
Carme da Silva explicou que estes obradoiros pretenden introducir as persoas interesadas nos Cantos de taberna, nos ritmos… e foi unha petición das persoas que participan nestes cantos. Estará impartido por María Arribe, mestrad do Grupo de Música Tradicional Maravallada.
A Concellaría oferta 20 prazas e as persoas interesadas deberán inscribirse no número 986 89 65 28 (Servizo de Cultura). A participación será por rigorosa orde de inscrición.
Carme da Silva subliñou que a programación de Cantos de Taberna foi moi ben acollida e a Concellaría xa estaba recibindo peticións de que se iniciara unha segunda edición.