Últimos retoques ao Recinto Feiral de cara ao comezo dos Campionatos de España de Tenis de Mesa

63

Todo listo para a celebración dos Campionatos de España de Tenis de Mesa 2013, que comezarán no Recinto Feiral de Pontevedra este sábado, día 23, e continuarán ata o próximo 3 de marzo.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes Agustín Fernández, visitaron hoxe o Recinto e puideron comprobar que xa está rematada a instalación das 40 mesas nas que se disputarán as competicións, así como as tres gradas para o público e a cafetaría. A montaxe inclúe tamén espazos para o control antidopaxe, fisioterapia, control de homologación de palas e vestiarios. Finalmente, colocáronse cortinas en todas as fiestras para homoxeneizar a iluminación e cortaventos nas entradas para evitar as correntes de aire.
O alcalde e o concelleiro falaron con Daniel Valero Tuinenburg, directivo da Federación Española de Tenis de Mesa, e cos responsables da montaxe. Constataron a satisfacción xeral polo resultado final duns preparativos realmente complexos.
Fernández Lores destacou que moitas persoas teñen feito un esforzo moi grande para que todo estea a punto. Engadiu que os afeccionados ao deporte terán ocasión de ver en Pontevedra a xogadores de elite, tanto españois, como os estranxeiros integrados nos diferentes equipos do Estado. Serán nove días de competición moi intensos, destacou o alcalde, quen tamén significou a importancia que o evento ten para os equipos galegos, que teñen así a ocasión de participar sen grandes custos de desprazamento. Lembrou que nos dous últimos anos os Campionatos de España se teñen celebrado en Almería.
Agustín Fernández cualificou os preparativos como “un tremendo esforzo organizativo e loxístico”. Na súa opinión, Pontevedra volveu demostrar que está á altura para acoller todo tipo de eventos deportivos, o que moi pronto volverá quedar de manifesto, se se confirma a concesión do Europeo de Piragüismo, na modalidade Maratón.
Un milleiro de deportistas participarán nos Campionatos de España de Tenis de Mesa. Calcúlase nunhas 2.000 persoas (incluíndo público, adestradores, árbitros e staff directivo) o mínimo de asistentes, o que garante o 100% de ocupación hoteleira. Os campionatos celebraranse nas modalidades open, individual, parellas e por equipos, ademais das persoas con discapacidade física ou intelectual.
O calendario comeza este sábado, día 23, co comezo da Copa da Súa Maxestade O Rei e a Copa da Súa Maxestade a Raíña. Do 25 ao 27 de febreiro chegarán os Campionatos de España absolutos. Do 23 a 27 de febreiro, os Campionatos de España xuvenís. Do 23 ao 25 de febreiro, os Campionatos de España Alevín. Do 28 de febreiro ao 3 de marzo, os Campionatos de España de Persoas con Discapacidade Física. Do 27 de febreiro ao 3 de marzo, os Campionatos de España sub-23. Do 28 de febreiro ao 3 de marzo, os Campionatos de España infantís. Finalmente, do 2 ao 3 de marzo, os Campionatos de España Benxamín e os Campionatos de España para Persoas con Discapacidade Intelectual.