O canicross e o bikejoring volven este domingo a Pontevedra

60

Pontevedra acolle por segunda vez unha proba da Liga Galega de Canicross e Bikejoring, dúas especialidades deportivas encadradas no mushing, é dicir nos deportes que se practican con cans de tiro. Na primeira disciplina o deportista que guía ao can corre a pé e na segunda monta en bicicleta.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández González, presentou hoxe proba, que se celebra este domingo nun circuíto no espazo natural da Xunqueira de Alba, acompañado dalgúns dos deportistas máis destacados da Asociación de Cans Deportistas (Acade). Así asistiron Óscar Piñeiro (actual campión de España e líder da Liga Galega e da Copa de España, así como cuarto clasificado no último último Mundial) e Roberto Salvado (terceiro no último Campionato de España e membro do equipo nacional no Europeo e no Mundial). Con eles estiveron Noelia Piñeiro e Conchi Trabazo (gañadora da proba pontevedresa do ano pasado).
Agustín Fernández destacou o singular da presentación (realizada na praza de España, a carón do monumento aos Heroes de Ponte Sampaio) dun deporte tamén moi singular, porque combina o esforzo humano e canino. O concelleiro destacou a vontade de promocionar deportes alternativos e o prestixio de contar en Galicia como o vigués Óscar Piñeiro e o santiagués Roberto Salvado. Ámbolos dous participarán na proba pontevedresa deste sábado.
Durante a presentación explicouse que o canicross consiste en correr atado ao can cun material especial. Consiste nun arnés, unha liña de tiro cunha parte elástica que protexe as costas dos tiróns e un cinto ancho duns 7 centímetros e debidamente acolchado. Realízase por zonas de terra para non danar as almofadiñas das patas dos cans. O bikejoring ten a mesma mecánica, pero neste caso o musher (a persoa que dirixe ao can) vai sobre unha bicicleta, algo que obriga a un maior control debido ás altas velocidades que se acadan.
A Liga Galega de Canicross e Bikejoring está composta por cinco probas, nas que Pontevedra ocupa o cuarto lugar do calendario. O circuíto local está considerado entre os cómodos, dado que é completamente plano sobre unha distancia de 5 Km. A cambio ofrece unha paraxe natural fermosa, ao pé dunha cidade e cunhas pistas de terra en moi bo estado. Ademais, conta co espazo para recreo de cans que foi aberto durante o pasado mandato municipal.
As probas comezarán a partir das 11 horas coa participación dos mushers populares, a continuación será a quenda da competición cadete e xuvenil e, finalmente, entrarán en escena (ao redor das 12 horas) os participantes na Liga Galega de Canicross e Bikejoring.