A Copa do Mundo de Balonmán estará este sábado en Pontevedra

61

Os balonmanistas da cidade e o público afeccionado ao deporte poderán gozar durante toda a mañá deste próximo sábado, día 24, da presenza na cidade da Copa do Mundo de Balonmán, recentemente conquistada por España durante o último Mundial, celebrado no noso país.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, despois de realizar xestións coa Federación Española de Balonmán, obtivo hoxe confirmación oficial de que o trofeo estará dispoñible nesta data.
A Concellería de Deportes organizou un periplo para que os xogadores do Cisne e o Teucro podan fotografarse coa Copa e, finalmente, poñela a disposición de todos os pontevedreses na praza da Peregrina, a partir das 12.00 horas.
A xornada comezará ás 10.00 horas. A Copa estará no Estadio da Xuventude a disposición dos xogadores e a base do Balonmán Cisne. Sobre as 10.45 estará no Pavillón de Deportes para que podan tomar fotografías os xogadores da S.D. Teucro e a súa base. Sen embargo, o prato forte chegará ás 12.00 horas coa chegada da Copa do Mundo á praza da Peregrina. Alí fotografarase o propio concelleiro de Deportes e, a continuación, persoeiros históricos do balonmán pontevedrés, entre eles varios xogadores internacionais, árbitros de División de Honor e mesmo ex-directivos da Federación Española. A continuación, o trofeo estará a disposición de todo o público que o desexe.
A Copa do Mundo exhibirase sobre un soporte específico e contará cun fondo para embelecer as fotografías.