Os rapaces do colexio Froébel trasladan ás súas casas as 10 regras de ouro para construír un mundo mellor

35

“As 10 regras de ouro” é o título dun caderno trilingüe no que están a traballar os alumnos de Primaria do colexio Froébel. O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, visitou hoxe o centro para coñecer de primeira man os avances dos rapaces á hora de trasladar á casa os contidos que aprenden en clase sobre aforro enerxético, de auga, consumo responsable e reciclaxe.
O caderno foi elaborado polos profesores que participan, dende o ano pasado, no proxecto europeo “Comenius” no que está incluído o Froébel. Trátase de docentes de Berlín, a Escola Alemana de Tenerife, Bexhill (Inglaterra), Berna (Suíza) e o propio Froébel, baixo o lema “We go for Europe, we go for a green world”.
O concelleiro Fernández estivo hoxe nunha clase de Sexto, onde o profesor explicou que o caderno está elaborado en español, inglés e alemán e asigna tarefas para cada semana. Nunha, os rapaces examinan o gasto eléctrico con xestos como comprobar cantas luces quedan acendidas ou cantos aparatos electrónicos en “stand by”. Na seguinte, poñen atención ao gasto de auga ou á separación do lixo no fogar… A “auditoría” trasládase aos cadernos, que compartirán cos alumnos do resto dos colexios participantes e cos que verificarán o grao de cumprimento das “10 regras de ouro”.