A Praza da Peregrina acolle mañá, sábado, unha actividade promocional dos campionatos de España de tenis de mesa

63

A Praza da Peregrina acollerá mañá sábado, día 16, unha novidosa actividade promocional a unha semana vista da celebración en Pontevedra do Campionato de España e as Copas das Súas Maxestades os Reis de Tenis de Mesa.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente do Club de Tenis Monte Porreiro, “Lucho” Álvarez Vilariño, presentaron a iniciativa, que consistirá na habilitación dun recinto ao aire libre, composto por dúas mesas nas que pelotearán os rapaces e os xogadores de elite do equipo pontevedrés.
A actividade, que se celebrará entre as 17.00 e as 18.30 horas, incluirá algúns “enfrontamentos” con persoas alleas á práctica habitual do tenis de mesa, encabezadas polo propio concelleiro de Deportes, quen anunciou, en ton humorístico, que ofrecerá un nivel “estrepitoso”.
Estará tamén presente a máxima estrela do club pontevedrés, o serbio Dani Conic, que asinará pelotas e dará consellos ás persoas que se acheguen ata a Praza da Peregrina.
Agustín Fernández destacou que o obxectivo desta iniciativa é triplo: achegar aínda máis o tenis de mesa á cidade, axudar ao Club de Tenis de Mesa Monte Porreiro, e, sobre todo, promocionar o importante evento que, dentro dunha semana comezará en Pontevedra.
“Lucho” Álvarez dixo que trátase dunha idea “estupenda” porque achegará esta modalidade deportiva á gran cantidade de xente que pasa pola Praza da Peregrina un sábado a esas horas. Anticipou que pode haber problemas polo efecto do vento nun deporte que se practica cunha bola tan lixeira, pero o espírito da convocatoria debe prevalecer sobre este tipo de problemas técnicos.

O Campionato de España e as Copas do Rei e da Raíña de Tenis de Mesa en Pontevedra é o primeiro gran evento deportivo deste ano. Chegará dentro dunha semana, entre o sábado, 23 de febreiro, e o domingo, 3 de marzo, próximos.
Celebraranse no Pavillón Feiral de Pontevedra, que será acondicionado para a ocasión. En preto de 3.000 metros cadrados haberá que instalar un total de 41 mesas nas que se disputarán os centos de partidos dos que se compoñen as tres competicións. Os campionatos celebraranse nas modalidades open, individual, parellas e por equipos, ademais das persoas con discapacidade física ou intelectual. Abranguerá todas as categorías de idade, dende benxamín ás categorías absolutas, agás as probas de  veteranos, que terán lugar en Almería.
Trátase da terceira vez que se opta pola fórmula conxunta do Campionato de España-Copa do Rei-Copa da Raíña, que parece asentada despois do éxito das dúas últimas edicións.
A participación está estimada nuns 1.000 deportistas. A repercusión socioeconómica está garantida. Calcúlase nunhas 2.000 persoas o mínimo de asistentes durante a semana de competición, o que garante o 100% de ocupación hoteleira.