Pontevedra comeza a preparación do Campionato de España de Duatlón

61

Comezar a definir os detalles da organización dun evento tan complexo como o Campionato de España de Duatlón, que a cidade acollerá entre o 27 e o 28 de abril, foi o obxectivo dunha xuntanza celebrada hoxe no Concello. Baixo a presidencia do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, reuníronse Jorge García, responsable da Federación Española de Triatlón; Francisco Villanueva, presidente da Federación Galega; Luis Piña, directivo, e os técnicos municipais.
A xuntanza supuxo un importante avance no deseño do circuíto de bicicleta e carreira a pé. A principal novidade estará en que non se entra no centro urbano, evitando así cortes de rúas e molestias ao tráfico. O trazado dos dous circuítos aposta por unha zona de gran valor natural, como é o entorno da Xunqueira, o río Lérez e a praia fluvial, na que resulta fácil para o público seguir a evolución da proba.
O Campionato disputarase en todas as categorías sobre o esquema de 5 Km de carreira a pé, 40 en bicicleta e, finalmente, 10 Km a pé.
O circuíto da carreira a pé trazarase sobre uns 2,5 Km (catro voltas) sobre as rúas de José Malvar e Bos Aires, ata a praia fluvial. A zona de transición estará no interior do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. O circuíto de bicicleta para os grupos de idade terá unha lonxitude duns 10 Km (catro voltas) e barállase incluír a ponte de Monte Porreiro. O de elite, será algo máis reducido, cuns 5 Km, polo que increméntase a 8 o número de voltas.
A Concellería de Deportes calcula que un milleiro de deportistas estarán en Pontevedra durante a fin de semana, dado que o Campionato cobre todas as categorías de Cadete, Junior, Elite e grupos de idade. Hoxe mesmo, a Federación Española confirmou as categorías Cadete e Junior, despois dalgunhas dúbidas sobre a súa inclusión. A novidade chega este ano pola supresión das probas clasificatorias dos grupos de idade, polo que a participación pode ser aínda maior.
O Campionato de España de Duatlón servirá como test de cara a organización do Campionato do Mundo do ano 2014, a celebrar ou ben no mes de xuño, ou ben en setembro.
Agustín Fernández expresou a súa confianza no éxito dos campionatos de España e do Mundo. Lembrou que Pontevedra conta cunha larga traxectoria na organización de grandes eventos deportivos e, a diferencia doutras cidades, non necesita demostrar a súa capacidade.