Pontevedra acolle a XIV Conferencia anual Plácico Castro

70

 O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Cultura, colabora neste ano na organización da XIV Conferencia Anual Plácico Castro en colaboración coa Fundación Plácido Castro, con sede en Cambados e creada polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), que ten por obxecto manter viva a memoria de Plácido Castro.
Plácido Ramón Castro del Río (Corcubión, 1902-Vilagarcía 1967), foi escritor, xornalista e tradutor galego. Foi unha figura destacada do galeguismo de entreguerras, e un activo representante da cultura galega na diáspora, durante a súa estadía no Reino Unido, logo da Guerra Civil.
A conferencia impartida por Anxo Angueira versará sobre Rosalía, Plácido Castro e os Cantares Gallegos, será este venres, 25 de xaneiro a partir das 20.00 horas na Casa das Campás.
Na disertación, que tamén servirá para conmemorar o 150 aniversario da publicación de "Cantares Gallegos", o actual presidente do Padroado Rosalía de Castro, avanzará ideas sobre o estudo realizado por Plácido Castro nos anos 50 sobre asafinidades entre Rosalía de Castro (1837-1885) e Christina Rossetti (1830-1894), unha das poetisas máis sobresaíntes de Inglaterra. Trátase dunha obra inédita que Plácido Castro debeu realizar como traballo científico a presentar á Comisión Permanente do Padroado de Ensino Medio e Profesional para acceder a unha praza de profesor numerario.
Na súa análise, Plácido revela un profundo coñecemento da obra poética de ambas asdúas escritoras, reivindica o patriotismo de Rosalía, abundando no aspecto romántico (descrición do medio e a azarosa vida da nosa autora) pero cun texto requintado, dicindo sen dicir, utilizando a forma literaria como diluínte, disimulando o que de verdade se pensa, pero sen por iso deixar de transmitir a quen desexa entendelo así, a identificación nacional de Rosalía, a súa rebelión indómita.
Segundo Plácido, Rosalía e Christina compartían moitas cousas (enfermidades, perdas familiares, decepcións amorosas, temperamento triste, o lirismo da dor, a preocupación pola morte e a vellez, o pronto comezo na poesía, o sentido máxico da natureza) e tamén algunhas diferenzas importantes.