Máis de 300.000 euros para separar as augas pluviais e fecais na praza de Galicia

47

A Concellaría responsable do Ciclo da Auga, que xestiona Raimundo González, acometerá en breve unha importante obra de separación de augas pluviais e fecais no ámbito da praza de Galicia. Xa está redactado un anteproxecto elaborado polos técnicos municipais, polo que o custe final pode rondar os 330.000 euros.

Raimundo González explicou hoxe que unha das prioridades da Concellaría foi a eliminación de todas as verteduras directas aos cauces fluviais urbanos. Unha vez eliminadas estas verteduras (todas as detectadas polo Concello), é o momento de acometer unha segunda fase facendo traballos de canalizacións de augas pluviais e fecais en distintos puntos da cidade para evitar sobrecargar o colector do Gafos (neste caso), e conseguir que non desborde en momentos de chuvias importantes, como está a suceder.

A reforma da praza de Galicia data do ano 1989 e fíxose cunha única rede de canalizacións. Neste momento faise preciso duplicala para evitar sobrecargar o colector, e facer que as augas pluviais sexan canalizadas directamente ao río Gafos e as fecais á depuradora.

A intervención farase no  contorno da praza de Galicia, na rúa Andrés Mellado e no entronque da rúa Andrés Muruais con Mellado e a praza de Galicia. A rúa Andrés Muruais xa foi reformada con dobre canalización pero está pendente duplicala no entronque coa praza de Galicia.