O campo do Monte Carrasco inicia o ano cun novo equipamento de iluminación

43

Un dos campos de fútbol máis senlleiros do municipio de Pontevedra, o do Monte Carrasco, en Marcón, acaba de ser obxecto dunha nova mellora. Despois da estrea do novo terreo de herba sintética, gracias ao convenio asinado entre o Concello e a Deputación, a Concellería de Deportes vén de dotalo dunha moderna iluminación.
O concelleiro, Agustín Fernández, destaca que dáse así resposta a unha vella reivindicación do Marcón Atlético Club de Fútbol, ao tempo que se soluciona unha carencia que non tiña sentido. Fernández entende que non era moi lóxico que un investimento forte para a instalación da herba sintética non se puidera explotar ao máximo polas graves deficiencias do anterior alumeado.
Cun investimento de 12.000 euros, Deportes substituíu o obsoleto cadro eléctrico e instalou un total de 14 focos de 1.000 watios de potencia cada un (oito deles achegados pola Comunidade de Montes). As obras incluíron tamén a renovación completa do cableado. As instalacións anteriores tiñan máis de 40 anos de antigüidade.
As obras aproveitaron as torretas existentes, garantindo unha correcta iluminación de todo o terreo de xogo.
O presidente do Marcón Atlético, Carlos González, amosa a súa satisfacción polo resultado dos traballos realizados. Asegura que dispoñen dunha luz moi correcta para adestrar en horario nocturno, do que xa se están a beneficiar os máis de 200 rapaces que pertencen a todas as categorías do club e tamén doutros equipos, como o Portero 2000, co que veñen de chegar a un acordo.
González destaca tamén que o club corre cos gastos do consumo, polo que a obra realizada adáptase perfectamente a o equilibrio buscado entre unha boa luz e unha factura eléctrica razoable.