A Delegación do Goberno pide información sobre a productividade

49

O Concello de Pontevedra anunciou esta mañá o pago do complemento de productividade a 474 traballadores públicos (quedan fóra só 6 por distintas circunstancias) durante este mes "a pesar dos atrancos e ameazas do Partido Popular", asegurou o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González.

Indicou que recentemente (o pasado día 20) chegou ao Concello un escrito da Delegación do Goberno na que require documentación sobre a modificación de crédito na que se inclúe a consignación económica para o pago da productividade. Segundo asegurou Raimundo González "dentro desta petición existe unha intencionalidade manifesta de recurrir a modificación de crédito", o que supón "unha intromisión na autonomía municipal", explicou o concelleiro.

O concelleiro de Economía insistiu que o Concello mantén o mesmo posicionamento dende o principio deste acordo: "É unha medida inxusta neste momento de crise. E a decisión do Goberno local fomenta a actividade comercial a nivel local", explicou González Carballo.