O alcalde visita as obras de substitución da ponte de madeira de Domingo Fontán

48

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro responsable de accesibilidade urbana, Luís Bará visitaron esta mañá os traballos de instalación da nova pasarela peonil sobre a desenvocadura do río Rons, nas Correntes, uns traballos que estarán rematados ao longo da vindeira semana cando se formigone a ponte e se distingan os pasos peonil e de bicicletas.
O alcalde explicou que os traballos consistiron na substitución da ponte de madeira por pezas prefabricadas de formigón cun custe de 43.000 euros, que permite dar continuidade ao paseo que estivo pechado neste punto durante uns meses dado o deterioro da anterior ponte de madeira.
Fernández Lores explicou que esta pasarela “está sendo moi usada porque supón a continuidade do paseo da avenida do Uruguai a través da Ponte das Correntes e ten conexión coa Xunqueira de Alba”.
Tamén informou que o Concello xa recibiu a avenida de Compostela até a entrada do campo municipal de Pasarón, “aínda que nós aspiramos a que Fomento ceda toda a avenida de Compostela”.
Pero con esta primeira cesión “continuaremos dando preferencia aos peóns e ás bicicletas nestes paseos. Agora vaise a actuar na ponte dos Tirantes para mellorar a seguridade viaria, a accesibilidade e o tránsito peonil e de bicies, e tamén o faremos na ponte de Santiago ao seu entronque coa avenida de Compostela, dando continuidade ao paseo do borde da ría”.