Campionato Galego de Carreiras de Orientación en Bicicleta de Montaña

50

O monte Castrove acollerá durante este domingo, día 11, o Campionato Galego de Carreiras de Orientación en Bicicleta de Montaña. O evento, que chega co nome de “I PonteOriBike”, conta co apoio da Concellería de Deportes. A organización corre a cargo do club Montañeiros de Pontevedra-A Roelo.
O concelleiro, Agustín Fernández, destaca o labor que o club pontevedrés está a facer nos últimos anos. Pontevedra é xa unha referencia no deporte da Orientación e son varias as probas que están incluídas no calendario anual que atraen a deportistas de toda Galicia, pero tamén doutras comunidades autónomas próximas e de Portugal.
Hai aínda poucos días que pechouse, con gran éxito o PontevedRAID, proba nas que se decidiu a liga galega de Raid, e xa temos outra competición sobre a mesa, destacou Fernández.
O presidente do club, Manuel Beloso, explica que a base deste deporte é a localización dunhas balizas brancas e laranxas postas no monte, a través da interpretación dun mapa e coa axuda dun compás. Este deporte practícase en familia, persoas novas, maiores,… con distintos obxectivos, dende pasar unha divertida xornada, gozando do campo e xogando a orientarse, ata a competición ós máis altos niveis.
Na modalidade de BTT os ciclistas sérvense dun portamapas que vai suxeito ó manillar da bicicleta para poder lelo mentres progresan. Os percorridos discorren principalmente por pistas, camiños e sendas, non estando permitido abandonar estas vías, nin tampouco perder o contacto coa bicicleta.
As categorías oficiais son Júnior (masculino e feminino), Sénior (masculino e feminino) e Veteranos (masculino e feminino). Os campións galegos haberán de ser federados pola FEDO e pertencer a un club galego.
No “I PonteOriBike”, e coa idea de que todo o mundo poda  participar, á parte destas 6 categorías ofértanse dous percorridos de iniciación: un curto (2,6 Km), para os máis novos ou os que só queren dar un paseíño, e outro longo (8,6 Km), para aqueles que, sin ter experiencia na orientación, son aficionados á BTT e poden asumir un maior desgaste físico.


LISTADOS con HORARIOS de SAÍDA: En https://agaco.es a partires do xoves día 8.
CERIMONIA de PREMIACIÓN: Na Escusa a partir das 13:30h.
TODA a INFORMACIÓN en: https://agaco.es
Contacto no correo-e: aroelo@hotmail.com