Vén observar o ceo de inverno coa Concellaría de Medio Ambiente e a Asociación Sirio

34

A Concellaría de Medio Ambiente recupera a programación medioambiental do Concello “Sinte Pontevedra” coa actividade “O ceo da estación”, charlas e obradoiros sobre o ceo de inverno en colaboración coa Asociación Astronómica Sirio. No mes de agosto fixéronse as observacións e obradoiros sobre o ceo do verán.

O ceo da estación serán dúas charlas/observacións relativas ao ceo de inverno que se desenvolverán este sábado, 10 de novembro e o sábado, 17 de novembro no Observatorio de Cotobade. A actividade consistirá na contemplación do ceo a simple vista, ademais da súa análise a través do telescopio do Observatorio, todo elo acompañado das explicacións dos expertos de Sirio.

A Concellaría trasladará aos participantes en autobús até o Observatorio de Cotobade. O transporte sairá ás 20.15 horas da capela de San Roque.

O ceo da estación complétase con obradoiros que se desenvolverán a vindeira semana a cargo dos membros de Sirio no Centro Social do Gorgullón. O primeiro será o luns, 12 de novembro e abordará a construción e uso de instrumentos astronómicos sinxelos; o día 13 de novembro tratará a construción e uso de reloxos de sol; e o venres, 16 de novembro, abordarse a instalación  e uso de telescopios. Todos os obradoiros comezarán ás 20.00 horas.

Tanto os obradoiros como as observacións teñen prazas limitadas. Medio Ambiente pon a disposición dos interesados 45 prazas para a viaxe a Cotobade. 

Todas as persoas que desexen participar no Ceo da estación poderán reservar a través do mail medionatural@pontevedra.eu, a través do teléfono 986 100185 ext 7584 ou ben acudindo ás dependencias de Medio Natural do Concello na rúa Churruchaos.