Suba da metade das taxas municipais “por imperativo legal”

65

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a proposta de modificación das ordenanzas fiscais do Concello para o ano 2013. Segundo explicou o concelleiro de Economía e Facenda e portavoz do Goberno, Raimundo González "temos que subir a metade das taxas municipais por imperativo legal".

Raimundo González explicou que o pasado mes de xuño o pleno municipal, por unanimidade, aprobou o Plan económico financieiro, esixido ás administracións públicas pola Lei de estabilidade. Este plan tamén foi aprobado días despois pola Xunta de Galicia. Neste plan inclúese unha suba das taxas do 2,2% para o 2013.

Aínda que o Concello estivo barallando non cumprir o plan e non subir as taxas, as medidas coercitivas en caso de incumprimento eran moi gravosas para o Concello. O que conclúe que o Goberno Local viuse obrigado a axustar ao 2,2% (a porcentaxe máis baixa recollida por aquel plan económico financieiro e moi por debaixo do 3,5% no que se atopa o IPC) parte das taxas municipais para o vindeiro ano, e a conxelar a outra metade de taxas e impostos.

Ao respecto das taxas que suben atópasen a auga, o lixo, o sumidoiros, imposto de vehículos de tracción mecánica, ocupación de vía pública, documentos administrativos, entre outros.

Segundo explicou Raimundo González a actualización dos contratos do lixo, da auga, xardíns e enerxía así como a actualización dos IVEs nestes contratos suporán ás arcas municipais 850.000 euros. E só recadará polo incremento das taxas correspondentes 350.000 euros, o que supón que as arcas municipais terán que asumir medio millón de euros dos incrementos destes contratos.

Quedan conxeladas outros impostos e taxas como IBI, e todos aqueles vinculados á actividade económica: licenzas urbanísticas, venta ambulante, construción instalación e obras, IAE, Mercados, entre outros.