Pontevedra acolle esta fin de semana o seu XV Campionato Internacional de taekwondo

74

O taekwondo dá un novo paso á fronte e consolídase como un dos deportes de referencia de Pontevedra. O XV Open Internacional “Cidade de Pontevedra”, organizado polo club MaceSport co apoio do Concello de Pontevedra, celebrarase durante esta fin de semana superando os seus rexistros de inscrición.
A presentación oficial celebrouse hoxe no Concello. Asistiu o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, o director do Mace Sport, Miguel Cortegoso; a tesoureira do club, Cristina Baena; o director do club Taekanart, José Antonio Ríos e, finalmente, o vicepresidente da Federación Galega de taekwondo, José Ángel Torres.
As probas desenvolveranse en horario de mañá e tarde durante as xornadas deste sábado, día 4 de novembro, e domingo, día 5. A entrada terá un prezo de 3 euros para os adultos. Os nenos terán acceso gratuíto.
Agustín Fernández revelou que máis de 1.500 persoas (delas uns 1.173 deportistas) achegaranse á cidade atraídas por este evento deportivo. A participación crece substancialmente con respecto ao ano anterior, o que confirma a madurez que a proba pontevedresa está a acadar en toda a península ibérica e tamén en países como Francia.
O concelleiro destacou que falamos dun deporte central para Pontevedra, que forma parte das prioridades da política deportiva municipal. Tanto é así que este campionato, forma xa parte da programación anual estable deseñada pola Concellería.
Nesta edición participan un total de 46 clubs, entre eles algúns chegados dende Francia e Portugal. As comunidades autónomas con representación son Canarias, Baleares, Andalucía, Castela-León, Madrid, Cantabria e o País Vasco.
A cifra total de inscricións pechouse en 1.173. Aos deportistas hai que engadir delegados, árbitros e acompañantes, polo que se agarda superar con moito as 1.500 persoas. O torneo dividirase nas modalidades de combate, técnica e exhibición.

Horarios
Sábado mañá, a partir das 9.00 horas: combate categoría infantil e junior.
Sábado tarde, a partir das 16.00 horas, combate absolutos e cadetes.
Domingo mañana, a partir das 9.00 horas, modalidade de pumses.
Domingo tarde, a partir das 16.00 horas, modalidade de exhibicións.