Unha alegación contra a paga de productividade

82

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González informou esta mañá que rematou a exposición pública da modificación de crédito de 1.383.725,87 euros e o Concello recibiu a alegación dun particular, vinculado ao Partido Popular, na que solicita que se deixe sen efecto esta modificación onde se atopan os máis de 760.000 euros que o Concello pagará aos seus funcionarios na nómina de novembro en concepto de paga de productividade.

Raimundo González lembrou que o decreto lei do Goberno Central que prohíbe o pago da paga extra de Nadal aos traballores públicos “é unha medida inxusta que afecta especialmente á economía local no mes de decembro, caracterizado por un incremento do gasto no comercio e na hostalería”.

O concelleiro de Economía criticou á actitude “cobarde do Partido Popular”, que votou en contra deste complemento de productividade no pasado pleno municipal, e con esta alegación non asume as resolucións democráticas do pleno.

A resolución da alegación interposta polo Partido Popular “supón un retraso administrativo”, e resulta toda unha sorpresa para o Concello dado que é a primeira vez que se recibe unha alegación contra unha modificación de crédito. Polo tanto, a resolución aínda non é firme e terá que ser tratada no vindeiro pleno municipal deste mes de outubro.

De todos os xeitos, o concelleiro tranquilizou aos traballadores do Concello porque este retraso non impedirá que se pague a productividade en novembro. Raimundo González concluíu que o que resulta discriminatorio é que non se pague a paga de Nadal aos traballadores públicos, os únicos no Estado.