Os hoteleiros pontevedreses participan na promoción do Medio Maratón Pontevedra Serviocio

38

Todo listo para o Medio Maratón Pontevedra Serviocio, que se vai celebrar nas rúas da cidade na mañá do próximo domingo. Os concelleiros de Deportes, Agustín Fernández, e Turismo, Carlota Román, participaron hoxe nun acto conxunto co presidente da Asociación de Hoteleiros, José María de Cabo, e o presidente da Sociedade Ximnástica, Ramón Touza. O obxectivo: poñer de relevo a colaboración do sector hoteleiro na promoción desta cita deportiva.
Varios dos hoteis pontevedreses achegarán prezos especiais para os participantes na proba, en réxime de aloxamento e almorzo. Ademais, cada un dos 12 establecementos proporcionarán unha estancia dun día en habitación dobre, que serán sorteadas ao remate do Medio Maratón entre os corredores participantes e os voluntarios da organización.
A proba contará finalmente con 1.353 inscritos, o que supón novo récord de participación, superando os 1.198 atletas do ano anterior. O obxectivo é ir achegándose ata os 2.000, cifra a partir da cal xa non poderá crecer máis porque xeraría dificultades, dadas as características do circuíto actual. Por outra banda, todo indica que o domingo haberá bo tempo e unha temperatura agradable.
O presidente dos hoteleiros destacou que o sector sempre está disposto a colaborar para potenciar o rango turístico da cidade, e o deporte, afirmou, é unha vía para facelo.
Carlota Román destacou que Pontevedra é unha referencia non só galega, senón tamén en toda España, en materia de organización de eventos deportivos. Engadiu que a súa Concellería está enfrascada na creación dunha Oficina de Congresos que sirva para atraer á cidade tamén outro tipo de eventos, relacionados co turismo de negocios. Todo elo, xera movemento económico, que é o fin que se persegue, especialmente nunha etapa tan complicada como a actual.
A concelleira considera que a colaboración público-privada, que pode ser cuestionable á hora de acometer infraestruturas, si que é necesaria ao falar da promoción turística dunha cidade. Ao final, o que nos preocupa, indicou, é facer atractivo o destino Pontevedra. E todo suma.
Finalmente, Agustín Fernández subliñou que o Medio Maratón é unha referencia deportiva en todo o Noroeste peninsular. Destacou que boa parte do éxito corresponde ao esforzo da Sociedade Ximnástica. O concelleiro destacou que neste primeiro ano de mandato municipal o seu labor centrouse en ir centrando a programación e incorporando elementos novos. A partir de agora, anunciou, continuará a liña política de tratar de captar eventos competitivos de primeiro nivel, pero sen descoidar nunca as axudas directas aos clubs locais, que son o tecido social que soporta o deporte base, nin a organización de eventos de rango popular.