O alcalde traslada a Kalandraka os parabéns da cidade de Pontevedra

81

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá á editorial Kalandraka para darlles os parabéns en nome do Concello e de Pontevedra polo recente concedido Premio Nacional á mellor labor editorial cultural 2012, outorgado polo Ministerio de Cultura.

O alcalde destacou o “orgullo  polo seu traballo editorial e tamén pola súa proxección editorial”. De feito, o Concello de Pontevedra xa lle entrogou no ano 2007 o Premio Cidade de Pontevedra por ser un exemplo para Pontevedra.

Fernández Lores lembrou que hai poucos meses visitou as instalacións de Kalandraka en Monte Porreiro “e pensamos que era necesario dar a coñecer iniciativas empresariais tan exitosas como Kalandraka”, unha editorial dirixida e con traballadores pontevedreses “que están no máis alto e que poñen a Pontevedra onde se merece”.

“Esta recepción pretende felicitar a Kalandraka pero tamén para que os cidadáns coñezan proxectos empresariais pontevedreses capaces de competir a nivel internacional, nas máis altas instancias da cultura”, explicaba Fernández Lores.

Kalandraka trasladoulle ao alcalde a posibilidade de constituír unha fundación para dar trascendencia que se merece ao traballo da editorial pontevedresa.

O director de Kalandraka, Xosé Ballesteros explicou que “Pontevedra é un lugar no que nos atopamos moi cómodos traballando. As veces, dinnos que estamos na periferia, porque o 80% do groso editorial móvese en Madrid e Barcelona, pero nós dicimos que non estamos na periferia, senón no centro do mundo. Somos editores e activistas culturais porque levamos anos facendo animación á lectura, e cunha estreita colaboración coa Concellaría de Educación”.

Kalandraka ten 14 anos de vida e edita arredor de 40 novidades ao ano cunhas 20 reimpresións anuais. Edita en 7 linguas: as cinco do territorio estatal, e inglés e italiano, pero fánse traducións a moitas outras linguas como coreano, chinés ou xaponés.