Freno municipal aos recortes

83

O Goberno Municipal de Pontevedra desvelou onte cómo facer frente aos recortes aos traballadores públicos que impuña o goberno central. A perda de poder adquisitivo dos funcionarios públicos supón unha grave amenaza para a estrutura comercial local, agora aliviada pola iniciativa municipal de reintegrar 760.000 na economía da cidade.
O goberno de Lores cumpre así a decisión de compensar a paga extra que Madrid impide, de tal xeito que os gastos domésticos de fin de ano permitan que o tecido empresarial da cidade non sofra de maneira tan drástica esta minoración de ingresos dun sector tan importante para a economía local como a función pública.
A fórmula legal que compensará a extra de nadal será abonada en novembro, recoñecendo a productividade dos empregados municipais, e ascende ao 85% da paga extra. Como contrapartida, os traballadores terán que dedicar algún tempo de traballo extra.
Durante estes meses, os concelleiros de Facenda e Persoal, Raimundo González Carballo e Vicente García Legísima consensuaron cos representantes sindicais e os técnicos municipais esta fórmula coa que se intenta mitigar os fortes recortes que o o goberno central impuxo vía Real Decreto.
Ademáis de impedir abonar o salario extra, o goberno impuña que os Concellos non poden abonar unha masa salarial superior á do 2011, o que foi posible realizando un profundo estudo de todas as circunstancias: vacantes, prazas amortizadas, complementos actualizados e outros axustes, que posibilitaron un informe de Intervención Xeral do Concello positivo á iniciativa do alcalde.
No vindeiro pleno municipal, o martes próximo, aprobarase unha modificación de crédito que permita, entre outras cousas, facer frente a este abono de productividade.