I Concentración de Vehículos Clásicos e Históricos Cidade de Pontevedra, este domingo

42

A praza de España volverá aos anos 60, e mesmo aos anos 30, coa celebración da I Concentración de Vehículos Clásicos e Históricos Cidade de Pontevedra. Automóbiles que hai décadas que non circulan por este céntrico espazo, volverán pisar o firme. O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente do club AVA (Asociación de Amigos dos Vehículos Antigos), Cristóbal Rivas Carregal, presentaron hoxe o evento no Concello.
A cita é este domingo, día 16, a partir das 10.30 horas ata as 19.30 horas. A concentración vaise celebrar na Praza de España e estará aberta entre as 10.30 e as 19.30 horas. Preto de 60 coches farán as delicias dos amantes do motor. Está confirmada a asistencia dos sete autobuses históricos da empresa Cuíña. Haberá un camión militar e coches clásicos de todo tipo. Ata última hora non se sabe se participará un Renault NM de finais de 1934 porque está no taller, pero si poderá admirarse un Chevrolet Impala, un Lincoln Continental, un Rolls Royce Silver Shadowe un Ford Taunus 20MTS. Tamén poderemos gozar dos “clásicos populares” da nosa nenez: a gama Seat que arranca cos 600 e pasa polos 850, 124… incluíndo un 1.500 ambulancia da Cruz Vermella.
Agustín Fernández destacou que agarda unha forte presencia de público. A experiencia di que este tipo de exposicións teñen un forte tirón popular, polo que pensamos que o éxito está garantido. As concellerías de Deportes e Turismo apostaron por apoiar este evento co obxectivo de achegar un atractivo máis para unha fin de semana de finais de setembro.
Cristóbal Rivas destacou que o club AVA é unha organización potente, que acolle a uns 130 asociados amantes dos coches clásicos. Un potencial humano que tiña que reverter propiamente na cidade e que, por circunstancias, ata o de agora estaba proxectándose máis fóra do noso municipio que dentro del. De feito son os organizadores da ruta da Lanzada de coches antigos que sae cada ano dun concello distinto e remata en Sanxenxo. Polo tanto, era xa tamén tempo de que Pontevedra puidera gozar deste “potencial” local.